Salva Rodríguez leva dende 2006 pedaleando o seu sono: dar a volta ao mundo en bicicleta.
Este granadino de 43 anos, leva percorridos coa súa bicicleta 140.000 quilómetros.
Con ela como única compañeira, cruzou selvas, altiplanos, sabanas, paraísos tropicais, atravesado unha ducia de desertos, ascendido máis de 75 pasos de montaña por enriba dos 4.000 metros, tamén visitou as cidades máis significativas do mundo, mesmo viviu o terremoto de Xapón de 2011 e, por suposto, viu países en guerra.
Este luns estaba en Pontevedra, chegaba dende Finisterre e ía de regreso á súa casa de Granada.
O máis sorprendente é o motivo que levou a este profesor de Educación Física a emprender esta aventura: "fundamentalmente o exceso de confort e seguridade", explica. "A vida que tiña pequeno-burguesa coas miñas vacacións pagadas... non era o que eu soñara de pequeno. Eu lía libros de aventuras. Necesitaba saírme desa burbulla de confort, de comida na neveira, de calefacción, animais que ver detrás das gaiolas cando vas a un zoo, quería estar en contacto co mundo real".
Ao principio Salva intentaba saciar a súa sede de aventura durante as vacacións. Pero os meses de xullo e agosto non eran suficientes para el. Para colmo o sabor da liberdade experimentado durante as súas escapadas resultaba altamente aditivo.
"E chegou un momento no que dixen: esta non é a vida que eu quero, non é a vida que eu soñei de adolescente. Pois ao carallo".
Os seus oito anos de viaxe están recollidos en varios libros de moi recomendable lectura.
Nunha charla relaxada xunto á Peregrina cóntanos as leccións que aprendeu desta experiencia vital e nos explica que "sendo occidental o que aprendes é a non te queixar". E é que Salva viu a ese 85% do planeta que ten unha vida moi dura, "que todos os días teñen que loitar para comer". Por este motivo os problemas 'europeos' parécenlle "un pouco ficticios".
Outra lección aprendida é "aproveitar a vida". Non fai falta que todos vaiamos a polas nosas bicicletas para dar a volta ao mundo pero si nos anima a que sexamos conscientes de que "hai unha soa vida. Por iso pensen, que demos van facer con ela antes de que se lles vaia? ".
"Gozar a vida e non a deixar pasar de longo", insiste.
"Aprendín a valorar máis o tempo que o diñeiro. O diñeiro vai quedar aí, vano ter os meus fillos, a miña familia. O que eu compre, os meus xoguetiños, iso vai quedar. O tempo vaise. O único que teño é tempo e cada día menos"
Salva recoñece que a súa percepción do tempo se viu alterada polas súas viaxes, afacéndose á ausencia total de previsión para o día de mañá. As súas viaxes son espontáneas, non están organizadas, atopa alguén no camiño simpatiza con el e queda a durmir na súa casa.
Asume que a sociedade necesita organizarse, necesita citas, horarios, calendarios, reloxos... "a vida na bicicleta é sinxela", admite Salva. "Érgueste, tes camiño por diante, podes facer 15 quilómetros ou 150, o que te da gana. Non sabes onde vas durmir ou comer, nin a quen vas coñecer, se será a muller da túa vida, que foi o que me pasou a min".
E é que a Salva non lle gusta a certeza porque non ten medo ao futuro, a afrontar o descoñecido, a adaptarse en circunstancias imprevistas, a comezar de cero en calquera lugar. Ao contrario, cáusalle alegría e ganas de superación.