"Salto de calidade" para o Auditorio Municipal de Caldas coa súa maior modernización en anos

Umia
29 de outubro 2024
Actualizado: 17:35

O Concello de Caldas de Reis anunciou unha ambiciosa actuación de mellora no Auditorio Municipal para poder acoller obras e formatos teatrais de maior envergadura

Auditorio Municipal de Caldas de Reis
Auditorio Municipal de Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

Acoller obras e formatos teatrais de maior envergadura é o obxectivo que se expuxo o Concello de Caldas de Reis, que anuncia a que entenden como maior modernización en 30 anos do seu Auditorio Municipal.

Con esta intervención confía o tenente de alcalde e responsable de Cultura, Manuel Fariña, poderase dar un "salto de calidade" na programación cultural da vila.

Plantéxase para conseguilo unha modernización en dúas fases: a primeira para mellorar a platea e a segunda para mellorar o espazo escénico.

No que respecta ao patio de butacas se retapizarán os asentos, mentres que co escenario está previsto dotalo dun maior fondo, adaptando as dimensións para permitir un maior elenco e tamén máis atrezo.

Tamén se prevé unha mellora na iluminación e equipos de son, e recolocaranse os controis na entrada do auditorio, ademais de acometer unha pequena reforma no cuasdro eléctrico situado debaixo do escenario para a protección dos novos circuítos de iluminación e son.

"Para desenvolver unha política cultural en maiúsculas como vimos facendo nestes meses non só se trata de programar, senón que temos que coidar as nosas instalacións, e ao auditorio facíalle falta unha intervención, actualizando o equipamento, mellorando o mobiliario, os sistemas de iluminación e son e os elementos do escenario", explicou Manuel Fariña.

O orzamento destes traballos alcanza un investimento próximo aos 50.000 euros, que será custeado cos remanentes de crédito municipais.

A licitación das obras prevese inminente, asegura o Concello, polo que se espera que a renovación poida iniciarse antes de final de ano cun prazo de execución de mes e medio.