Salteado hortense con cabala ao estilo Pescamar

Pontevedra
13 de abril 2017

A cabala ou xarda é un dos peixes azuis máis prezados polo seu alto contido en ácidos graxos omega-3, moi indicados para protexer o noso corazón e previr unha gran variedade de enfermidades cardiovasculares. Ademais, estas graxas son útiles para baixar o colesterol "malo", regular a tensión arterial e reducir a inflamación.

Salteado hortense con cabala
Salteado hortense con cabala

Chegamos a unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" cunha receita que combina dous produtos ideais nunha dieta saudable: a alcachofa e a cabala. Esta última, co excelente sabor e calidade que lle outorga a preparación en lata de Conservas Pescamar.

A cabala ou xarda é un dos peixes azuis máis prezados polo seu alto contido en ácidos graxos omega-3, moi indicados para protexer o noso corazón e previr unha gran variedade de enfermidades cardiovasculares. Ademais, estas graxas son útiles para baixar o colesterol "malo", regular a tensión arterial e reducir a inflamación.

Outras propiedades nutricionais moi valoradas na xarda atópanse na súa alta achega en vitaminas, especialmente a D e E, e en minerais, como o magnesio, ferro, potasio e selenio.

Esta receita ofrécenola o FROM, o organismo do Ministerio de Agricultura e Pesca encargado de regular o mercado dos produtos do mar. A través da súa páxina web, tamén nos lembra que "todas as elaboracións de peixe enlatado son moi aconsellables desde o punto de vista nutritivo".

Para preparar este delicioso Salteado hortense con filetes de cabala Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:

- 3 latas de Filetes de Cabala do Sur en aceite de xirasol Pescamar

- 12 alcachofas

- 1 pemento

- 1 chorro de viño branco

- 1 cebola

- 2 dentes de allo

- 1 rama de perexil

- Aceite de oliva

- Sal

Preparación:

Cocemos as alcachofas en auga, cun pouco de sal e aceite. Reservamos.

Picamos a cebola e pasámola pola tixola cun chorriño de aceite ata que estea dourada.

Machucamos o allo e o perexil nun morteiro. Engadimos o viño branco e a cebola dourada. Mesturamos ata que se fundan os ingredientes.

Nunha bandexa, colocamos as alcachofas cocidas. Engadimos os filetes de cabala en aceite de xirasol Pescamar, enteiros ou cortados en anacos, ao gusto. A continuación, vertemos con suavidade a mestura de allo, perexil, cebola e viño branco sobre os ingredientes.

Finalmente, podemos adornar o conxunto con tiras de pemento. Esta receita admite servila fría ou mesmo optar por amornar lixeiramente o prato.

Nuns días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.