A urbanización e o acondicionamento da contorna da Casa Verde, o novo centro social de Salcedo, quere ser un modelo para o resto do rural pontevedrés. Así llo trasladou o concelleiro do Rural, Demetrio Gómez, aos membros do Consello Parroquial. A eles presentoulles a actuación prevista, que dará un pulo definitivo ao núcleo de centralidade parroquial.
O proxecto, que vai mudar o amplo espazo que vai dunha a outra porta do cemiterio e que abrangue boa parte dos equipamentos da parroquia, ten un custe de 397.000 euros e un prazo de execución de catro meses a contar dende o inicio dos traballos.
Esta actuación sae adiante grazas tamén a cesión de terreos por parte da comunidade de montes.
Demetrio Gómez informou que, entre outros beneficios, a obra xerará unha praza diante da Casa do Monte -o local da comunidade de montes- e un gran espazo público cun auditorio ao ar libre que ademais poderá ter continuidade co auditorio de dentro da Casa Verde, abrindo as portas.
Ademais, construirase unha beirarrúa dende unha a outra porta do cemiterio e habilitarase unha plataforma única na nova praza de diante do local da comunidade de montes, instalaranse redutores de velocidade coa fin de garantir a seguridade dos peóns e farase o retranqueo do muro que sigue a casa da comunidade de montes.
Tamén se instalarán bolardos no acceso ao cemiterio, acondicionarase unha zona axardinada ao carón do muro, crearase unha área de estacionamento de vehículos entre a Casa do Monte e a porta do cemiterio e construirase unha rede de pluviais diante da Casa Verde.
O núcleo de centralidade de Salcedo contará con novo alumeado, de mesma calidade do que hai nos parques urbanos. A empresa Setga está a deseñar un modelo de farol especial para este espazo.