Salcedo inaugurou este sábado o seu parque etnoarqueolóxico das cabanas prehistóricas do Outeiro das Mouras, que queda así aberto ás visitas do público xeral.
Trátase da recreación dun poboado da Idade do Cobre promovida pola comunidade de montes para poñer en valor todo este entorno e levada a cabo pola empresa A Citania, experta en arqueoloxía e xestión do patrimonio.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, expresou o seu orgullo por este proxecto dos comuneiros que está pensado para as visitas escolares e de grupos familiares.
Componse de tres pallozas, unha cabana comunal, corrais, fosas de almacenaxe, un estanque e unha zona na que máis adiante se reviviranse as fogueiras que facían os antigos moradores desta zona.
A iniciativa completarase con distintos obradoiros dirixidos á comunidade escolar nos que se recrearán a arte ruprestre, a música prehistórica, as técnicas de agricultura e os ritos chamánicos do Calcolítico.
O proxecto da comunidade de montes é aínda máis ambicioso e inclúe a construción dunha aula da natureza, un campo de fútbol e un espazo para ciclismo.