Unha saída de vía deixa un condutor ferido no Grove

O Salnés
12 de novembro 2024

O accidente producíase na estrada EP-9101 en San Vicente do Grove minutos antes das 21.00 horas do luns. O condutor tivo que ser retirado pola parte traseira do vehículo polos servizos de emerxencias

Unha ambulancia trasladou o condutor ferido
Unha ambulancia trasladou o condutor ferido / Mónica Patxot

Un accidente de tráfico deixou un condutor ferido no Grove, tras unha saída de vía no quilómetro 5 da estrada EP-9101, en San Vicente do Grove.

O suceso tivo lugar dez minutos antes das 21.00 horas deste luns 11 de novembro.

O 112 Galicia recibiu a alerta por parte do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que informaba de que o condutor do vehículo, único implicado no accidente, permanecía inconsciente.

Ante a chamada de emerxencia, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activou un operativo de resposta inmediata.

No dispositivo participaron os servizos sanitarios, o Servizo de Emerxencias do Grove e a Garda Civil de Tráfico.

Os efectivos de emerxencias lograron retirar ao ferido pola parte traseira do vehículo.

Unha vez fóra do vehículo, o home foi estabilizado e trasladado consciente ao centro hospitalario.