O Concello de Vilaboa abre o proceso para a explotación dos quioscos, tamén coñecidos popularmente como chiringuitos de praia, situados nos areais de Deilán, na parroquia de Santa Cristina, e O Areeiro, en Paredes, de cara á vindeira tempada de verán.
A licitación, publicada este martes 25 de marzo no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, establece un prazo para a presentación de ofertas que rematará o vindeiro 9 de abril.
As instalacións, de 12 metros cadrados cada unha, contan con terrazas de diferente tamaño: 60 metros cadrados no caso de Deilán e 30 metros cadrados para O Areeiro.
Esta diferenza reflíctese tamén no prezo mínimo de licitación, que se fixa en 800 euros anuais para o quiosco de Deilán, mentres que o establecemento de O Areeiro parte dun mínimo de 300 euros.
O período de explotación comprenderá desde o 1 de maio ata o 31 de outubro deste ano, aínda que o Concello contempla a posibilidade de prorrogar a concesión por tres anos máis, sempre que o Servizo Provincial de Costas de Pontevedra autorice esta extensión.
As persoas ou empresas adxudicatarias deberán pagar, ademais do prezo de licitación, o canon anual e a fianza que estableza o Servizo Provincial de Costas cando autorice as instalacións de temporada.
Os interesados poden consultar toda a documentación necesaria a través do perfil do contratante na web municipal (Vilaboa.gal/) ou na sede electrónica do Concello. .
A licitación está aberta tanto a empresas individuais como a unións temporais de empresarios, que deberán nomear unha persoa representante con poder suficiente para exercer os dereitos e deberes derivados do contrato.