Os 36 concellos da provincia adheridos ao Plan Revitaliza recibirán dende este venres á terceira promoción de mestres composteiros formados na "Facultade da Compostaxe" da Deputación para reforzar o persoal que xa está a divulgar a compostaxe como novo sistema de xestión de biorresiduos e encargarse do mantemento dos centros de compostaxe comunitaria instalados.
Este xoves o vicepresidente César Mosquera e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, entregaron os diplomas do curso de formación que realizaron, que xa é título propio da Universidade de Vigo, o que permitirá que os 25 bolseiros poidan comezar as súas prácticas.
Ao acto de entrega de diplomas asistiron membros dunha delegación de Extremadura que vén de poñer os seus ollos no Plan Revitaliza para implantar o modelo de compostaxe pontevedrés.
Así o indicou o director xeral de Medio Ambiente da Junta de Extremadura, Pedro Muñoz, e o deputado da Deputación de Badajoz, Manuel Díaz, que visitaron xunto a persoal técnico de ambas institucións os centros de compostaxe comunitaria de Eduardo Pondal, Ponte Boleira, Monte Porreiro e Príncipe Felipe, así como as existentes en Vilaboa e Bueu, entre outras localidades.
Muñoz destacou que o Plan Revitaliza é moi adaptable á rexión extremeña, que é moi rural, na que pode ser perfectamente aplicable o modelo.