Sae a licitación o proxecto para a humanización da contorna da rúa do Adro e da Porteliña

Poio
05 de setembro 2022

A obra contempla a renovación e dotación de novos servizos, a instalación dunha plataforma única para garantir unha maior seguridade para o tránsito peonil e a supresión de barreiras arquitectónicas, á fin de mellorar a mobilidade e accesibilidade universal

Rúa do Adro
Rúa do Adro / Concello de Poio

O Concello de Poio ten previsto investir máis de 400.000 euros nunha "ambiciosa" actuación para a contorna da rúa do Adro e da Avenida da Porteliña, en pleno centro da parroquia de San Salvador. Así o anuncia o concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, que adiantou que o proxecto xa se atopa en proceso de licitación e será adxudicado "en breve".

Os fondos para poder levar a cabo esta obra proveñen do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, e corresponden ás convocatorias de 2021 e 2022. O proxecto foi aprobado pola Xunta de Goberno Local no mes de agosto.

Tal e como explica Agís Gómez, os traballos consistirán na humanización e posta a punto dunha zona que "na actualidade se atopa moi degradada e que é moi utilizada pola veciñanza".

Deste xeito, tal e como figura na memoria técnica elaborada polos técnicos municipais, as obras contemplan a mellora do pavimento, a adaptación de rasantes e a eliminación de barreiras arquitectónicas. Empregaranse novos materiais que se integran e sexan totalmente respectuosos coa contorna, ao tempo que se lle dará prioridade ao tránsito peonil, garantindo, deste xeito, unha maior seguridade viaria.

Para levar a cabo estas obras será necesario proceder á demolición do firme actual e da beirarrúa existente, adaptando as rasantes a unha nova plataforma única.

A empresa que resulte adxudicataria levará a cabo a instalación de saneamento nunha superficie duns 150 metros, na que se habilitará unha tubaxe de PVC, ademais de oito pozos de rexistro. Con respecto á recollida de pluviais, habilitarase un colector PVC de 180 metros de lonxitude, acompañado de 16 acometidas domiciliarias, dez pozos de rexistro e sete sumidoiros para a recollida deste tipo de augas. Os traballos incluirán, a maiores, a dotación de servizos para telecomunicacións e a renovación do alumeado público, apostando por puntos de luz ‘led’, o que garantirá unha maior eficiencia enerxética no seu uso. 

O concelleiro de Urbanismo anuncia que nas vindeiras semanas "convocaremos unha reunión informativa en San Salvador, para dar a coñecer todos os detalles das obras, como xa fixemos con outras actuacións de calado que a están en marcha, como a humanización da contorna da Puntada, Saíñas e Portosanto".