A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica este xoves no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto da segunda fase da mellora da seguridade viaria da estrada PO-531, na Devesa.
O prazo para a presentación de informes e alegacións abranguerá dende o venres ata o vindeiro 5 de febreiro.
Trátase dun proxecto que define a execución dunha glorieta no punto quilométrico 7+150 da PO-531, no Concello de Pontevedra, á saída do núcleo da Devesa, coa que se reducirá de xeito significativo a velocidade da circulación na contorna e se facilitarán os xiros en condicións seguras.
Na glorieta entroncarase un ramal de novo trazado, que se conectará co vial principal deste núcleo e que permitirá eliminar o carril central para realizar o xiro á esquerda da intersección do punto quilométrico 6+620.
A Xunta, con estes traballos, está a considerar a solicitude realizada polos veciños da contorna para a continuación das obras de mellora da seguridade viaria na estrada que comunica Pontevedra e Vilagarcía.
Así, estas obras danlle continuidade á primeira fase do proxecto que o goberno galego xa executou.