Sabor pontevedrés na 'voda do ano' en Galicia, a de Marta Ortega e Carlos Torretta

Pontevedra
16 de novembro 2018

Toda Galicia está hoxe pendente da que, para moitos, é a voda do ano: a de Marta Ortega, herdeira do imperio Inditex, e o empresario Carlos Torretta. Durante dous días, A Coruña convértese no epicentro da alta sociedade española con máis de 400 persoas convidadas a este mediático enlace

Carlos Torretta e Marta Ortega
Carlos Torretta e Marta Ortega /

Toda Galicia está hoxe pendente da que, para moitos, é a voda do ano: a de Marta Ortega, herdeira do imperio Inditex, e o empresario Carlos Torretta. Durante dous días, A Coruña convértese no epicentro da alta sociedade española con máis de 400 persoas convidadas a este mediático enlace.

No medio desta voráxine, o matrimonio quixo dar un sabor pontevedrés á súa voda. Así, dous cociñeiros das Rías Baixas, Pepe Solla e Javier Olleros, compartirán, con permiso dos noivos, certo protagonismo. Son os responsables do banquete e o cóctel da celebración.

Marta Ortega -vestida por Valentino- e Carlos Torretta, director xeral da prestixiosa axencia de modelos Elite Model Management, deron o si quero nunha cerimonia íntima, que se celebrou na residencia familiar do patriarca de Inditex, Amancio Ortega.

Acompañados tan só polos seus familiares e os seus amigos máis íntimos, tras a cerimonia todos eles puideron gozar dun xantar preparado por Solla, cun menú caracterizado pola liña de traballo que lle permitiu o seu recoñecemento internacional.

Xa pola noite, a festa continuará cun cóctel nas instalacións do Real Club Náutico da Coruña, que estará a cargo de Olleros e Ricardo Sanz, do restaurante madrileño Kabuki. As súas propostas gastronómicas, que presentarán unha forte vinculación con Galicia, terán protagonismo os viños galegos.

A gran festa da voda de Marta Ortega e Carlos Torretta, en todo caso, será este sábado no club de hípica Casas Novas, situado no municipio coruñés de Arteixo e propiedade da familia Ortega.