Como traballo final para o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, Sabela Juncal deu forma a Condominio, unha colección que tiña como eixe temático o proceso de construción dun fogar e que en novembro de 2021 estreaba en Debut, o desfile no que os novos titulados da Escola de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga) dan a coñecer os seus proxectos de fin de estudos.
Unha versión ampliada desta colección, inspirada nas casas de bonecas do Vitoria and Albert Museum ou o Rijksmuseum, a visión voyeurística da xanela indiscreta de Hitchcock ou as obras literarias de Georges Perec, converteuse na súa carta de presentación na principal cita da moda en España, a Mercedes-Benz Fashion Week Madrid, que na súa 77 edición seleccionou Condominio como un dos proxectos participantes no Allianz Ego.
Estampados, xogos de volumes e texturas integran esta colección, na que Sabela Juncal propón unha amálgama de siluetas que abarcan desde maxi abrigos de pano, camisas, vestidos e pantalóns denim campá a pezas máis comedidas como delicados conxuntos de punto.
A deseñadora fixo destacar nos seus quince estilismos xogos de volumes nos que conviven pezas de dimensións moi distintas e unha enorme variedade de estampados, nos que se observan tanto bosquexos feitos a man como rapports máis estruturados.
Condominio, segundo a súa autora é a perfecta combinación de texturas e materiais: punto, tecidos técnicos, denim, pano e lenzo de algodón, o tecido insignia de toda a colección.
"Todo ten cabida e todo suma neste fogar inventado no que os accesorios cobran especial protagonismo", sinalou a nova deseñadora, que creou unha colección 100% artesanal, baseada na utilización fibras naturais, materiais de proximidade e teas familiares.
Ademais de dar a coñecer o seu traballo na plataforma de novos deseñadores de maior relevancia do país, como destacan desde a organización, Juncal proclamouse gañadora do concurso impulsado por Allianz Ego e Mó de Multiópticas para a creación dunha colección cápsula de lentes.
Horas despois do desfile, a deseñadora mostrábase "moi contenta e agradecida" coa acollida brindada á súa colección na pasarela madrileña, "tanto por parte do xurado como das persoas que acudiron o backstage".
Nese senso, a tamén titulada en Publicidade e Relacións Públicas destaca á "visibilidade" que a participación nesta pasarela supón para o seu traballo, á que se suma a ilusión de terse convertido na gañadora do concurso que o Allianz Ego e Multiópticas impulsaban por primeira vez.
Este premio dá á súa gañadora a "oportunidade de deseñar a súa propia colección Mó de Multiópticas e participar na creación da campaña de lanzamento e de promoción" dunha proposta que se sumará ás coleccións que esta firma lanza cada ano "con grandes representantes" da moda española.
"Fíxome moitísima ilusión", sinala Juncal, que recoñece que enfrontarse a un proxecto "de deseño de produto é algo que emocióname moito".
Na xornada de peche da pasarela madrileña, dedicada a esta plataforma para talentos emerxentes, Condominio compartiu pasarela con Aitor Goikoetxea, gañador do premio Mercedes-Benz Fashion Talent, Adriá Egea, Alejandre, Charlie Suits, Fátima Miñana, Guillermo Décimo, 93 Sierra/Crossed e Reparto, firma gañadora do premio Confidence in Fashion na anterior edición do Ego.