Sábado de Etiqueta Negra: consulta a programación deste primeiro día

Pontevedra
09 de novembro 2024

En horario ininterrompido, o público asistente poderá gozar de sesións de cociña en directo, presentacións de produtos, degustacións, catas comentadas, maridaxes e outras moitas actividades

Expositores na feira gourmet Etiqueta Negra
Expositores na feira gourmet Etiqueta Negra / Mónica Patxot

A partir das 11:00 horas deste sábado 9 de novembro, o Recinto Feiral de Pontevedra acolle unha nova edición da feira do gourmet galego Etiqueta Negra.

Coa presenza dun centenar de produtores, nos distintos stands pódense atopar viños, licores, cervexas, cafés, marmeladas, mel, galletas, tortas, doces, xeados, aceites, queixos, patés, caracois, carnes, embutidos, conservas, setas, legumes, algas, salsas e aderezos ou propostas veganas, entre outras, que representan o mellor de Galicia en termos de calidade gastronómica.

Sesións de cociña en directo, presentacións de produtos, degustacións, catas comentadas, maridaxes e outras moitas actividades sucederanse o sábado 9, domingo 10 e luns 11 de novembro.

PROGRAMACIÓN SÁBADO 9

ZONA ANFITEATRO

Alberto Fernández González, chef do hotel rural restaurante Pallabarro en Allariz, será o encargado de abrir a programación no Anfiteatro o sábado ás 13.00 horas. No seu showcooking -con degustación para 100 persoas- elaborará unha "carbonara de verdade” con cachuchale (papada curada e adobada) de porco celta CienPorCel, así como unha tenreira frieiresa mariñada de Gandaría O Agro nunha tosta de pan de castañas e xel de lima de cítricos.

A tarde do sábado, ás 17.00 h, Mar Orosa, do restaurante ribadense El Oviedo, preparará babá de pemento de Piñeira (con degustación), cunchas en escabeche (feito con vinagre de viño galego) e raia á galega.

A continuación, ás 18.30 h, Lydia del Olmo, chef do restaurante Ceibe en Ourense, galardoado cunha Estrela Michelín, tomará o relevo cunha sesión de cociña en directo na que preparará unha ducia de elaboracións que incluirán algunha receita de caza, así como as súas coñecidas curacións e maduracións.

ZONA DE CATAS E ESPAZO ETIQUETA

Na Zona de Catas poderanse probar as galletas de Martietas de Fío e Maruxas de Nata; unha selección dos viños de autor de Santiago Roma; a crema de lacón con grelos e conservas cárnicas de Casa da Avoa; os doces gourmet de Perusiñas; o mel de Labrega Mel; os turróns, bombóns, polvoróns e nevadiños de Pura Vila; as marmeladas de A Morena e As Camposeiras; e os queixos de autor de Casa Donicio.

O Espazo Etiqueta ofrecerá, entre outras actividades, un taller de pago dedicado á preparación de empanadas de xoubas ao estilo da Casa Ces ás 17.00 h. Será impartido por Inés Cameselle, cuarta xeración deste histórico restaurante familiar fundado en Poio en 1908.

Tamén neste mesmo espazo terá lugar ás 18.30 horas unha cata especial de Requeixo As Neves e Mel, a cargo dos chefs Fran Sotelino, Begoña Vázquez (do restaurante Regueiro da Cova) e Manuel Garea (Pazo de Cores).

OUTROS ESPAZOS

Na Tetería da Deputación de Pontevedra volven un ano máis as sesións para probar o Té Areeiro de camelia. Pilar Vela, doutora da Estación Fitopatolóxica Areeiro, guiará ás 18.00 h a primeira degustación de 30 minutos de duración con cerimonia chinesa do té incluída. Esta experiencia require inscrición previa na propia Tetería e hai 20 prazas dispoñibles.

No espazo Artesanía Alimentaria, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria divulgará o selo que garante o produto artesán como alimento de calidade. Ademais, algunhas das súas empresas adheridas ofrecerán degustacións.

Por outro lado, a Deputación da Coruña disporá por primeira vez dun espazo propio para dar a coñecer "A provincia que sabe”, a súa marca turística e gastronómica, cun showcookings a cargo de Concha Casares, de Casa Alongos de Melide.

HORARIO ININTERROMPIDO

A feira do gourmet galego permanecerá aberta, en horario ininterrompido, o sábado e o domingo de 11.00 a 21.00 h e o luns, de 11.00 a 20.00 h. Para aquelas persoas que desexen pasar todo o día na feira, haberá unha zona de comida e foodtrucks con interesantes propostas culinarias.

A entrada custa 3 euros por día pero tamén se pode mercar un abono para os tres días ao prezo de 5 euros.