Sábado de intensa vixilancia nas praias das Rías Baixas na busca de máis pellets

O Salnés
14 de xaneiro 2024

O deste sábado non foi un día calquera nas Rías Baixas. Moitas foron as persoas que, a pesar da choiva, percorreron os principais areais pontevedreses para comprobar se, como estaba previsto, a mala mar destas últimas horas arrastraban máis pellets ata a costa

Tarefas de busca de pellets na praia de Mexilloeira, no Grove
Tarefas de busca de pellets na praia de Mexilloeira, no Grove / EFE / Salvador Sas

O deste sábado non foi un día calquera nas Rías Baixas. Moitas foron as persoas que, a pesar da choiva, percorreron os principais areais pontevedreses para comprobar se, como estaba previsto, a mala mar destas últimas horas arrastraban máis pellets ata a costa.

Os dispositivos de vixilancia foron intensos nas rías de Arousa e Pontevedra, dúas das zonas máis afectadas, xunto con Muros e Noia, pola chegada destes microplásticos.

Así, praias como Mexilloeira (O Grove) ou Chancelas e Raxó (Poio) foron só algunhas das praias onde se buscaron, sen apenas éxito, mostras deste material contaminante.

A Xunta de Galicia, ao mesmo tempo, activou dous helicópteros, cinco embarcacións de gran porte e outras sete patrulleiras para rastrexar nas costas galegas os sacos perdidos polo buque Toconao. A eles sumouse un avión mobilizado polo Goberno.

Este operativo marítimo súmase ao persoal en terra que, segundo o goberno galego, conta actualmente con máis de 300 efectivos, que nas últimas horas percorreron máis de 50 praias pertencentes a 35 concellos.

Ata o momento, todo este traballo permitiu retirar dos areais galegos o equivalente a 80 sacos de pellets, xunto con máis de 1.500 quilos doutros residuos plásticos.

Arquivado en