As 'Rutas Saudables' da Asociación Española Contra o Cancro chegan a Marín

Marín
28 de outubro 2024
Actualizado: 18:40

Evitar o sedentarismo e promover hábitos de vida saudables son os principais obxectivos desta iniciativa gratuíta. Comezará o próximo 15 de novembro

Rutas saudables por Pontevedra
Rutas saudables por Pontevedra / Concello de Pontevedra

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Marín, coa colaboración do Centro de Saúde, pon en marcha o seu programa Rutas Saudables.

Trátase dunha iniciativa desenvolvida xa noutras localidades que pretende combater o sedentarismo.

Todo iso porque "máis aló do seu carácter lúdico, onde os participantes melloran o seu estado de ánimo contribuíndo á creación dun sentimento de grupo e comunidade, estas Rutas contan tamén con importantes beneficios para a saúde", afirma Dolores Andújar, técnica de prevención da Asociación Española Contra o Cancro.

A primeira edición das 'Rutas Saludales' da AECC en Marín comezará o próximo 15 de novembro, e contarán cun total de cinco rutas que se desenvolverán ao longo de 12 semanas.

Segundo sinala a AECC a actividade semanal, de hora e media de duración, será de balde e contará con saídas todos os venres ás 10.00 horas desde o centro de saúde.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente, posto que as prazas son limitadas.

Poden facelo no teléfono gratuíto 900 100 036, ou de maneira presencial na sede da entidade en Marín (C/Busto de Abaixo, 8), os mércores de 08.30 a 13.30 horas.

Con hábitos de vida saudables, defende a AECC, redúcese o risco de padecer cancro nun 40%, ademais de obter múltiples beneficios como mellorar a flexibilidade e forma física.