A Asociación Española contra o Cancro (AECC) de Pontevedra colabora coa Concellería de Deportes e Saúde para a terceira edición de 'Rutas Saludables'. Esta actividade pertence ao programa do Concello chamado 'A vida é movernos', co que se pretende fomentar a actividade física entre a poboación.
As 'Rutas Saludables' consisten en cinco itinerarios de entre 5 e 6 quilómetros, o que levaría sobre 1 hora e media de realización e serán guiados sempre polo voluntariado. Parten de zonas céntricas da cidade como a Praza de Galicia ou Praza de Barcelos ata localizacións como Xunqueira de Alba, río Gafos, Avenida de Marín, Illa das Esculturas e o contorno do Mirador de Monteporreiro, que irán rotando ao longo das 12 semanas de duración da actividade.
Os participantes poderanse inscribir de balde vía telefónica chamando ao número 900 100 036 ou mandando un correo ao enderezo [email protected]. Estarán distribuídos en dous grupos cun máximo de 10 persoas cada un. Os grupos reuniranse os mércores pola tarde ás 17:00 horas ou os xoves ás 10:30 horas da mañá a partir da data de inicio 9 e 10 de marzo.
Este mércores xuntáronse o tenente de alcalde e concelleiro de Actividade Física e Saúde, Tino Fernández; a presidenta provincial da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, Carmen Abeledo; e a técnica de Prevención da entidade, Rebeca Castro, para informar sobre como se levarán a cabo as rutas deste ano.
Destacaron a importancia de combater o sedentarismo, xa que é un dos catro factores de risco máis importantes para padecer enfermidades non transmisibles, entre unha mala alimentación e o consumo de tabaco e alcohol. Ademais, incrementa o risco de padecer cancro de mama e de pulmón entre un 20 e un 30%.
Este proxecto básico de prevención pretende construír un espazo de encontro social e incrementar o benestar tanto físico como mental. Para lograr a participación das persoas pontevedresas, as rutas son accesibles e gratuítas, sen desniveis nin dificultades importantes no terreo. Así mesmo, poderase acudir acompañado de mascotas e de carriños infantís.
A finalidade é alentar á poboación para que fagan actividade física periódica. A inscrición é para o programa completo de 12 semanas e aqueles que completen o 70% recibirán unha recompensa. Deste xeito, animan a seguir as recomendacións da OMS sobre realizar entre 150 e 300 minutos de actividade física aeróbica moderada á semana.