Bueu contará cunha ampla programación co gallo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, co obxectivo de reivindicar a igualdade e visibilizar as achegas das mulleres en distintos ámbitos.
A primeira actividade chegará este venres, 7 de marzo, ás 12:00 horas na Praza do Concello, onde o alumnado de 3º de primaria do CPR Virxe Milagrosa realizará unha declaración cantada en conmemoración desta data.
O programa continuará o luns, día 10, cun obradoiro de autocoñecemento e autocoidado impartido por Alejandra Pérez, psicóloga xeral sanitaria. Organizado pola Asociación de Mulleres Rurais Mar e Agro, celebrarase ás 19:30 horas na Biblioteca Torrente Ballester.
O Cineclub Bueu, pola súa banda, proxectará o venres, día 14, a película 'Matronas', de Léa Fehner. A cinta, cunha forte perspectiva feminista, narra a historia de dúas parteiras recén licenciadas e os desafíos que afrontan nun sistema sanitario en crise. A proxección terá lugar ás 21:00 horas no Centro Social do Mar, con entrada de balde.
Ao día seguinte, o sábado 15, organizarase a ruta guiada "Mulleres da historia de Bueu", coa colaboración da Asociación A Illa dos Ratos. A actividade, que comezará ás 10:30 horas, destacará a importancia das mulleres ao longo da historia da vila en ámbitos como a pesca, a educación e a cultura. Tamén se afondará na vida de figuras como a mestra Matilde Bares, afilántropa Amalia Domínguez Búa ou as poetas Lucía Novas e Miriam Ferradáns. A inscrición é gratuíta a través do whatsapp 611080853.

O domingo 16, a Milla pola Igualdade, promovida polo Club de Atletismo Galaicas, encherá a mañá de actividades como zumba, 8M fitness e unha carreira final. Baixo o lema "a igualdade é a meta", preténdese fomentar valores igualitarios a través do deporte.
Ademais, ao longo destas semanas, os centros educativos do municipio acollen un ciclo de cine con perspectiva de xénero para fomentar o debate sobre estas cuestións. Nas dependencias de Benestar Social arrincará mañá un curso de autoestima no que participarán vinte mulleres da vila.
Por último, do 8 ao 15 de marzo, celebraranse as III Xornadas Gastronómicas En Feminino, organizadas polo Concello de Bueu e a Asociación de Empresas Hostaleiras de Bueu. Unha ducia de locais ofrecerán tapas inspiradas na cociña de Amelia González, fundadora do restaurante Casa Solla, co obxectivo de visibilizar ás cociñeiras e dinamizar a gastronomía local. O prezo das tapas será de 3,50 euros.