Ruta en kaiak de Amizade para fomentar a inclusión das persoas con discapacidade

Pontevedra
04 de outubro 2024

A asociación, fundada en 1988 na comarca de Pontevedra, mantén o seu obxectivo de "acadar a plena inclusión das persoas con discapacidade en tódolos ámbitos da sociedade"

Participantes na ruta durante a travesía por Portonovo
Participantes na ruta durante a travesía por Portonovo /

Aasociación Amizade, entidade pertencente a COGAMI, realizou este 4 de outubro unha actividade de lecer e tempo libre consistente nunha ruta en kaiak polas inmediacións de Portonovo.

A saída tivo lugar ás 12:00 horas desde a praia de Silgar, cunha duración aproximada dunha hora.

A experiencia permitiu aos participantes gozar dunha actividade diferente, ao tempo que puxo de manifesto as dificultades que aínda existen para que as persoas con discapacidade poidan realizar este tipo de actividades.

Malia contar coa colaboración de voluntariado, o proceso de mobilización e a estabilidade das embarcacións supuxeron retos, especialmente para as persoas con maiores dificultades de mobilidade.

Amizade agradece a colaboración do Club de Piragüismo de Portonovo, que proporcionou o material, a súa experiencia e o apoio de varios colaboradores durante a ruta.

A asociación, fundada en 1988 na comarca de Pontevedra, mantén o seu obxectivo de "acadar a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade".

Amizade continúa ofrecendo actividades e servizos para mellorar as capacidades das persoas con discapacidade e concienciar á sociedade sobre a necesidade de crear contornas inclusivas.