Rueda visita Tambo e ofrece ao Concello a colaboración da Xunta para a súa posta en valor

Poio
12 de agosto 2023

O presidente da Xunta precisou que a Administración autonómica xa acordou colaborar na adecuación do castro e tendeu a man para catalogar os bens patrimoniais que contén a illa. Avanzou que tramitará con dilixencia a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) 

Visita de Alfonso Rueda á Illa de Tambo
Visita de Alfonso Rueda á Illa de Tambo / Xunta de Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este sábado a Illa de Tambo, en Poio, e valorou a importancia de que agora sexa posible visitar este espazo, que durante moitos anos permaneceu pechado ao turismo polo seu uso militar. 

Na súa visita, Rueda estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes, e avanzou a dispoñibilidade da Xunta para colaborar co Concello na posta en valor da illa. 

Na súa visita, precisou que a Administración autonómica xa acordou colaborar na adecuación do castro e tendeu a man para catalogar os bens patrimoniais que contén a illa. 

Ademais, avanzou que tramitará con dilixencia a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) cando sexa presentada polo Concello.

Alfonso Rueda tamén quixo destacar o valor patrimonial e natural deste espazo, que definiu como "unha das moitas marabillas que temos en Galicia e polo tanto temos a obriga de conservala".

Na súa intervención, tamén destacou a súa aposta pola súa dinamización como destino turístico e cultural, sempre desde a perspectiva da sostibilidade. E lembrou que o Goberno galego segue apoiando todas aquelas iniciativas que axudan a consolidar á comunidade como un destino sostible e de primeiro nivel, e que en conxunto "están facendo que teñamos un ano turístico fantástico", destacou. 

De feito, avanzou datos do primeiro semestre que revelan que se acadaron os 2,7 millóns de visitantes (un 11,8% máis de viaxeiros que no mesmo período do ano pasado) e os 4,7 millóns de noites (un 10,6% máis que no primeiro semestre de 2022, que foi ano Xacobeo e no que se bateron todos os récords).