O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este mércores en Cuntis o éxito do programa 'Benestar en Balnearios', creado para favorecer o envellecemento activo, debido á necesidade do Goberno galego de incrementar o número de prazas na edición deste ano ata superar as 1.200.
"Queremos, como mínimo, a mesma aceptación que tivo o ano pasado, onde puidemos atender 600 solicitudes das 3.000 que se presentaron, e por iso duplicamos as prazas este ano e esperamos que siga medrando nos seguintes coa colaboración dos balnearios", sinalou Rueda, quen indicou que a Xunta destina preto de 274.000 euros a esta nova edición, o que supón duplicar tamén a partida con respecto á convocatoria do pasado ano.
O titular do Goberno galego visitou, acompañado pola conselleira de Política Social, Fabiola García, un dos 15 establecementos participantes no programa, o hotel balneario Termas de Cuntis.
A iniciativa ofrece estadías de 10 días nalgunha destas instalacións e está destinada a todos os maiores de 60 anos e tamén a aqueles que superen os 55 e sexan pensionistas, para mellorar a súa calidade de vida ao fomentar actitudes positivas cara o autocoidado da saúde e favorecer as relacións sociais.
"Facerse maior é moito máis que cumprir anos, é desfrutalos e aproveitar todos os recursos que ofrece Galicia e combinar tamén a política social ben entendida e ben desenvolvida co desenvolvemento dos recursos turísticos", asegurou Rueda. Así, todas aquelas persoas que estean interesadas en participar na edición deste ano teñen ata o 19 de outubro para solicitar algunha das prazas dispoñibles, as cales inclúen pensión completa.
Alfonso Rueda apuntou, ademais, que ao mesmo tempo que esta iniciativa serve para impulsar a calidade de vida das persoas maiores, tamén contribúe a seguir apostando polo sector dos balnearios que é punteiro na comunidade. "Galicia senta ben en moitos sentidos e un dos principais é o das súas augas termais que son un tesouro, xa que aquí concentramos unha parte importante dos recursos que hai en toda España", asegurou o presidente da Xunta.
A este respecto, Rueda apuntou a importancia de contar cun turismo de outono desestacionalizado "no que xa avanzamos moitísimo" e animou a todos aqueles que aínda non probaron o termalismo ou queren repetir a experiencia a facelo porque "unha fin de semana nun balneario de Galicia é unha fin de semana especial que merece a pena experimentar", asegurou.