Rueda pide á presidenta da Deputación un informe obxectivo sobre a fusión Cerdedo-Cotobade

Pontevedra
08 de xullo 2016

O vicepresidente da Xunta de Galicia tamén lamentou que os concelleiros socialistas abandonasen o pleno onde se debatían as alegacións da fusión. Os do PSOE criticaban que lles falta información mentres que Alfonso Rueda asegura que iso é falso

Alfonso Rueda
Alfonso Rueda

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, lamentaba este venres 8 en Pontevedra a decisión dos concelleiros socialistas en Cotobade que abandonaron o pleno no que se debatían as alegacións á fusión entre este municipio e Cerdedo. Os representantes do PSOE alegaron que a falta de información obrigáballes a abandonar a sesión. Rueda considera falsa esa afirmación e sinala que estes concelleiros non chegaron a consultar a información que estaba á súa disposición.

Neste sentido, o vicepresidente da Xunta reclama da presidenta da Deputación, Carmela Silva, que reciba aos alcaldes destes dous concellos. Sinalou que, con todo, si se reuniu cos representantes da plataforma cotraria á fusión.

Por este motivo fixo un chamamento á máxima responsable provincial para que a Deputación realice un informe obxectivo sobre a fusión, atendendo ao expediente e tendo en conta tanto os estudos económicos que realizaron previamente os servizos da Xunta, unha consultora independente e a Universidade.

Sinalou que coa fusión incrementaranse os servizos e que os veciños experimentarán un aforro nas taxas e impostos. Entende que é necesario que se abran estes debates ante a existencia de numerosos concellos de menos de mil habitantes que perden cada vez máis veciños.