Rueda lembra ao PSOE que o pacto Sánchez-Rivera inclúe favorecer a fusión entre concellos

Pontevedra
02 de marzo 2016

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, entende que haxa persoas que pensen diferente, pero móstrase moi crítico coa posición adoptada co PSdeG-PSOE, cuxo secretario provincial, Santos Héctor, cualificou o proceso de "fantochada"

Alfonso Rueda
Alfonso Rueda / Mónica Patxot

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, referiuse este mércores ás críticas xurdidas nos municipios de Cerdedo e Cotobade en relación co proceso de fusión entre ambos os concellos que está en marcha, e que derivou xa na creación dunha plataforma contraria. Firme partidario da integración, entende que haxa persoas que pensen diferente, pero móstrase moi crítico coa posición adoptada co PSdeG-PSOE, cuxo secretario provincial, Santos Héctor, cualificou o proceso de "fantochada"

Rueda lembrou aos socialistas que no pacto entre o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, e o presidente de Cidadáns, Albert Rivera, para tentar formar Goberno inclúe, como unha das súas medidas estrela, que as comunidades autónomas favorezan a fusión voluntaria entre concellos. "Que se poñan dacordo", indicou e engadiu que, neste caso, "teñen razón o señor Sánchez e o señor Rivera"

En declaracións aos medios, Rueda tamén criticou que o cualificativo de "fantochada" para referirse ao proceso de fusión "nin son maneiras nin creo que sexa o xeito de expresarse" e que, aínda que respecta as críticas, considera que non é o momento de facelas, pois "o lóxico é esperar a que os alcaldes remataran as súas explicacións". "Escoitar e a partir de aí criticar", valorou.

O proceso comezou co anuncio dos alcaldes de Cerdedo e Cotobade, José Balseiros e Jorge Cubela, de que empezarían o proceso de fusión e está estes días nun proceso de información no que se están reunindo con veciños e colectivos para explicarlles a situación actual e os beneficios que supoñería a integración. Este xoves 3 de marzo, concluída a fase de difusión, debaterase en Pleno nos dous municipios, pero o Rueda lembrou que "agora empeza un procedemento que é longo" e que inclúe varios meses de trámites administrativos. 

O vicepresidente da Xunta ve "lóxico que haxa xente que está en contra", pero está convencido de que "hai máis xente que está a favor" e considera que en todo este proceso os alcaldes "están facendo un bo traballo".