Rueda envía unha carta a Mosquera e o BNG monta un acto de apoio aos deputados nacionalistas

Pontevedra
31 de maio 2016

Alcaldes, concelleiros, militantes e simpatizantes do BNG mostraron textos nos que se lían consignas como "Non lle temos medo á Mafia do PP" ou "Non nos amedrentan"

Acto do BNG en apoio aos deputados nacionalistas
Acto do BNG en apoio aos deputados nacionalistas / Mónica Patxot

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, participou este martes na concentración organizada polo BNG ante a sede da Deputación de Pontevedra como acto político de "reivindicación e orgullo" do traballo que están a desenvolver os nacionalistas desde o ente provincial, "superando a etapa caciquil do PP".

Alcaldes, concelleiros, militantes e simpatizantes do BNG mostraron textos nos que se lían consignas como "Non lle temos medo á Mafia do PP" ou "Non nos amedrentan".

Este acto coincidiu cunha carta enviada polo Presidente provincial do Partido Popular, Alfonso Rueda, en resposta á anterior misiva do vicepresidente da Deputación, César Mosquera, a raiz do conflito político suscitado pola reordenación laboral do Parque de Maquinaria.

Os nacionalistas enviaban o luns unha carta aberta ao presidente do PP, Alfonso Rueda, instándolle a que frease a actitude dos deputados do seu grupo, e este respondeu do mesmo xeito este martes mentres o seu partido sopesa presentar unha querela por inxurias contra Mosquera e a presidenta Carmela Silva.

Rueda condena "rotundamente calquera intento de coacción ou ameaza para conseguir calquera fin, por moi lexítimo ou xustificado que puidera parecer, e sexa contra quen sexa".

Seguidamente faise eco das queixas dos alcaldes e responsables municipais do PP pola "parálise" polo que lle aconsella que "se sente coa presidenta dá Deputación, que se centre, e se poñan -dunha vez- a gobernar". Tamén lle recomenda que "non se obsesione co Partido Popular" e que conte cos populares para "traballar conxuntamente e en positivo".

Ana Pontón expresou o "orgullo" polo traballo dos deputados do Bloque e insistiu en que "non nos van intimidar por moitas prácticas mafiosas que se fagan" e reivindicou que "acabamos co caciquismo na Deputación, pese a quen lle pese, ao PP a Feijóo ou a Rueda".

A portavoz nacional do BNG explicou que alí onde gobernan fano "pensando non interese xeral" e engadiu que "sabemos que este tipo de políticas ten custes", algo que dixo, teñen asumido.

Pola súa banda, o cabeza de lista do BNG ao Congreso para as próximas eleccións xerais, Luís Bará, destacou que esta rifa política ten que ver co labor dos nacionalistas para "acabar cos privilexios, coas vantaxes e tratos de favor".

Finalmente, o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, agradeceu o acto de apoio e os xestos de solidariedade e asegurou que "imos ratificar a liña na que estamos traballando para eliminar esas prácticas perversas que había nesta casa".

Arquivado en