O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores deron este martes un tirón de orellas ao Ministerio de Transportes polas obras da autovía A-57, a coñecida como circunvalación de Pontevedra.
Nunhas declaracións efectuadas no transcurso da visita oficial ás obras da Estación de Autobuses desta capital o vicepresidente e o rexedor coincidiron en destacar a colaboración entre ambas as administracións. Fronte a este avance nas obras impulsadas pola Xunta e o Concello, Alfonso Rueda referiuse a cuestións que "dependen doutras administracións" e sinalou as obras "fundamentais" incluídas nos Orzamentos Xerais do Estado para Pontevedra, concretamente a Autovía A-57 e o Nó de Bombeiros.
"Temos que reclamar que eses compromisos se cumpran", indicou o número dous do Goberno galego.
Rueda lembrou que "estamos a empezar o segundo trimestre do ano" e as obras da circunvalación "están a un ritmo absolutamente lento e non admisible" nuns traballos que "xa viñan adiados desde hai moitos anos". O vicepresidente da Xunta lembrou que por parte do Goberno central que preside Pedro Sánchez "prometeuse un impulso que non se está producindo".
O vicepresidente engadiu que, desde a Xunta, "ofrecemos toda a colaboración ao Concello de Pontevedra para facer a forza e a presión que sexa necesaria para que estas dúas obras fundamentais que dependen da Administración xeral do Estado collan o ritmo que ten que coller".
Pola súa banda, o alcalde engadiu "comparto a preocupación do vicepresidente da Xunta pola necesidade de axilizar obras que son fundamentais para Pontevedra".
Fernández Lores reclamou esta dilixencia no cumprimento do compromiso coa Autovía A-57 "non só co tramo que se está executando neste momento senón os outros dous tramos" que, ao seu xuízo, son "importantes" para dispoñer dunha "vía alternativa" desde o municipio de Barro, unindo todos os polígonos industriais e habilitando unha "conexión con Vigo e coa Meseta" é algo, engadiu, "absolutamente fundamental".
O alcalde de Pontevedra lembrou que "somos a única cidade que non ten unha circunvalación libre de peaxe" e por tanto, subliñou que esta autovía é "unha necesidade imperiosa" polo que concluíu que "nós imos seguir loitando, goberne quen goberne tanto no Estado como na Xunta, por defender os intereses de Pontevedra".