O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acaba de contestar por carta á misiva remitida o pasado 28 de novembro pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, na que instaba o executivo autonómico a que cumprise co estipulado no convenio de cesión da finca de Lourizán e rehabilitase o abandonado pazo de Montero Ríos que a día de hoxe presenta graves problemas de conservación e seguridade.
"A solución estaba enriba da mesa", indica Alfonso Rueda. Ve a proposta compartida con Ence "boa economicamente, boa tecnicamente, boa en canto a axilización de prazos e boa para a administración pública" e lembra que "non se perdería a titularidade do inmoble" e que se crearía "un centro de investigación punteiro"
A empresa pasteira financiaría gran parte dos traballos de recuperación do pazo."Como vostede sabe, facía falta atopar diñeiro para rehabilitar o inmoble e a Xunta atopouno", lembra a Carmela Silva na súa carta o vicepresidente, "cinco millóns de euros para a rehabilitación e cinco máis para proxectos de investigacións".
"Esta era a solución da Xunta de Galicia, a única que se discutíu, e que permitía completar os investimentos que desde a administración autonómica fixemos noutros edificios do complexo nos últimos anos", engade Rueda.
O vicepresidente da Xunta recalca que a Deputación "propietaria do pazo e que segundo o convenio vixente recuperaría o seu uso en xaneiro de 2021, dixo que non e non ofreceu alternativas".
"Tantos meses despois seguimos sen ver ningunha explicación do seu vicepresidente, o señor Mosquera, de por qué cambiou de idea", insiste na súa misiva. "Foi el quen dixo, cando xa se sabía que Ence estaba detrás do proxecto, que a Deputación non poría problemas" y señala que "logo resultou todo o contrario e a Deputación rexeitou un investimento de dez millóns de euros".
Alfonso Rueda asegura que "dende a Xunta mantemos a nosa proposta, unha boa oportunidade que segue vixente e que podemos retomar cando vostede queira, sempre que se deixen a un lado os intereses políticos e partidistas e se poña por diante o interese xeral e o sincero desexo de rehabilitar o pazo de Lourizán".