Rueda destaca que "nunca se deu" un compromiso investidor "tan grande" da Xunta en Pontevedra

Pontevedra
20 de febreiro 2017

Durante un almorzo informativo celebrado en Pontevedra o presidente en funcións da Xunta sinalou que cando cheguen as eleccións municipais "todo vai estar en execución e non vai haber nada que non estea polo menos empezado"

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia
Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia / Mónica Patxot

O vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, destacou que ata agora "nunca se deu" un compromiso investidor "tan grande" da Xunta no Concello de Pontevedra, que cifrou en "170 millóns de euros contantes e sonantes" durante esta lexislatura.

Durante un almorzo informativo celebrado en Pontevedra, o presidente en funcións da Xunta -pola paternidade de Núñez Feijóo- sinalou que cando cheguen as eleccións municipais "todo vai estar en execución e non vai haber nada que non estea polo menos empezado".

O denominado "Gran Montecelo" é, para Alfonso Rueda, o investimento "máis significativo despois de tantos anos" que "por fin se desatascou", algo polo que agradeceu expresamente a "colaboración directísima neste novo modelo do Concello".

O vicepresidente indicou que "coa oposición dun concello é practicamente imposible" sacar adiante un proxecto desta envergadura polo que "se encima tes colaboración todo é moito máis fácil".

Sobre os prazos da obra de ampliación do hospital pontevedrés, orzada en 140 millóns de euros, "imos tentar que sexa antes de que termine o ano 2020, senón a principios do 2021".

Rueda tamén quixo aclarar "porque había este ano tan poucos cartos" consignados no orzamento. "Realmente entre o Plan Funcional e a licitación non se vai a gastar moito", precisou. "Aí fomos realistas", adiantando que "o ano que vén chegará a gran consignación".

EDIFICIOS DA PARDA E BENITO CORBAL

A outra gran infraestrutura en marcha é o novo edificio xudicial da Parda. Os reportes da empresa construtora apuntan que "a obra vai en prazo" e, segundo o vicepresidente, "a intención é que estea acabado mesmo antes do anunciado". Este ano consignáronse 9,3 millóns para esta construción "e mesmo poderiamos poñer máis", dixo.

Respecto da reforma da antiga sede da Xunta na rúa Benito Corbal, Alfonso Rueda comentou que "houbo unha serie de atrasos", debidos a unha "complicación" desde o punto de vista administrativo entre consellerías. "A nosa intención, unha vez redactado o proxecto, é licitar a obra e adxudicala neste mesmo ano", afirmou.

PAVILLÓN DE XIMNASIA

O vicepresidente tamén se referiu ao proxecto da variante de Alba, "outra obra onde quero resaltar a colaboración do concello", e tamén ao pavillón de ximnasia que "non ten un orzamento concreto porque aínda hai que determinar que tipo de edificio imos facer, cal é a localización", sinalou o número dous do goberno galego. "É un compromiso que levamos no programa electoral e que imos cumprir sen ningún problema nesta lexislatura", dixo Rueda respecto desta nova infraestrutura deportiva.

ESTACIÓN DE AUTOBUSES

Finalmente, o último proxecto desta relación foi a remodelación da estación de autobuses e a intermodalidade coa de ferrocarril. A intención do goberno autonómico é investir practicamente 4 millóns de euros, pero o Concello de Pontevedra "expuxo cambios que entendemos razoables" e que son "coherentes" co modelo de cidade que está a impulsar o goberno local. En concreto, trátase de cambios no tráfico desde a avenida Josefina Arruti e a creación dun espazo único entre as dúas estacións.

"Está previsto facer máis do que tiñamos pensado facer inicialmente, temos que ver aí ata onde está disposto a chegar o Concello na colaboración desa obra", asegurou o vicepresidente, que se mostrou convencido de que este ano o proxecto quedará definido.