A fusión entre Cotobade e Cerdedo chegou este mércores ao Parlamento galego. Fíxoo por unha interpelación do PSdeG-PSOE na que cuestionaba a "falta de planificación" da Xunta de Galicia respecto deste tipo de procesos. Pero o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu estas unións voluntarias entre municipios e acusou aos socialistas de "irresponsabilidade" por opoñerse a elas.
Na interpelación, realizada pola deputada Marisol Soneira, os socialistas criticaron que tanto esta fusión como a anterior, a de Oza e Cesuras, fosen anunciadas "sen proxectos e estudos serios, sen analizar a situación socioeconómica ou a previsión demográfica dos municipios afectados" e todo iso, sinalou a dirixente socialista, "só para satisfacer os intereses políticos do presidente Feijóo".
"Non existen documentos que aconsellen e recomenden as fusións con variables obxectivas e medibles, a última pillou mesmo por sorpresa aos concelleiros dos dous municipios", afirmou Soneira, que engadiu que o escurantismo destes procesos é "absoluto" e que o único criterio para estas "ocorrencias" é que os alcaldes "sexan do PP".
Pero o vicepresidente da Xunta, na súa resposta parlamentaria, afirmou que o goberno galego "non improvisa en absoluto" nas fusións entre os municipios. "Levamos anos sen enganar a ninguén, dicindo que este é o camiño polo que optamos", algo que axudou, dixo, a que os concellos, fusionados ou non, empecen a colaborar entre eles.
Neste sentido, Rueda fixo un chamamento á FEGAMP, presidida actualmente polo PSdeG-PSOE, para traballar nun marco normativo e institucional "adecuado" para estas fusións.
A el habería que engadir un marco político, segundo o dirixente do PP, que engadiu que "aí empeza a haber problemas" sobre todo cando os populares ven que os socialistas "lle chaman patochadas ás fusións e que son propaganda política".