O Partido Popular de Pontevedra celebrou unha reunión do seu comité provincial para valorar os resultados electorais do pasado 12 de xullo.
Tras o encontro Alfonso Rueda, presidente provincial da formación, criticou a "indiferenza de PSOE e BNG ante o feito de que miles de galegos e galegas non puidesen exercer o seu dereito a voto", sinalou con respecto ao voto emigrante e aos problemas rexistrados en países como Venezuela, Cuba ou Arxentina onde moitas papeletas non chegaron a tempo.
De feito Rueda insistiu en que o Ministerio de Asuntos Exteriores e Correos deben garantir que os votos de quen exerceron o seu dereito, máis de 5.000 persoas, cheguen a tempo.
De todos os xeitos, á espera do reconto do voto exterior que se fará o luns e que determinará si finalmente o PP alcanza un undécimo deputado en Pontevedra en detrimento do Partido Socialista, Rueda mostrouse satisfeito polos resultados que outorgaron a cuarta maioría absoluta consecutiva ao PP.
O dirixente popular destacou ademais que a súa formación foi a máis votada en 57 dos 61 municipios da provincia, entre eles as tres cidades e tamén no resto de concellos de máis de 20 mil habitantes.