Rueda celebra o papel "decisivo" do PP de Pontevedra na vitoria "histórica" de Núñez Feijóo

Pontevedra
21 de xullo 2020

Nas recentes eleccións galegas, Pontevedra "volveu a confiar" en Alberto Núñez Feijóo, segundo destacou o presidente do PP provincial, Alfonso Rueda, que celebrou o papel "decisivo" que a provincia tivo na vitoria "histórica" do actual presidente da Xunta

Alfonso Rueda, amosando os resultados do 12X na provincia
Alfonso Rueda, amosando os resultados do 12X na provincia / Mónica Patxot

Nas recentes eleccións galegas, Pontevedra "volveu a confiar" en Alberto Núñez Feijóo, segundo destacou o presidente do PP provincial, Alfonso Rueda, que celebrou o papel "decisivo" que a provincia tivo na vitoria "histórica" do actual presidente da Xunta.

"É o mellor resultado logrado en todo o século XXI en Galicia", afirmou Rueda, que lembrou que os populares gañaron en 57 dos 61 concellos da provincia, entre elas as tres grandes cidades: Vigo, Pontevedra e Vilagarcía.

Isto demostra, segundo o dirixente político, a "potencia" dos populares no voto urbano.

Iso si, o partido analizará nunha próxima xunta directiva provincial, á que asistirá o propio Núñez Feijoo, o caso "pormenorizado" de cada municipio, especialmente naqueles onde o resultado "foi unha sorpresa", como en Soutomaior, onde gañou o BNG.

Tras subliñar a "satisfacción" por manter os once deputados logrados en 2016, o presidente do PP pontevedrés destacou que manter ao partido "unido"ante unha cita electoral que chegaba no medio das "dificultades" dos últimos meses foi "clave".

Os galegos, segundo Rueda, optaron pola "estabilidade" e pola "capacidade de xestión" do goberno que, desde 2009, preside un Alberto Núñez Feijóo que logrou o "mellor resultado" dos seus catro triunfos electorais.

O líder dos populares de Pontevedra insistiu ademais na "normalidade" na que se celebraron estas eleccións e a xente acudise a votar "sen medo" a pesar das "chamadas desmobilizadoras" que, ao seu xuízo, chegaban desde outras formacións políticas.

Con respecto ao voto da Galicia exterior, Alfonso Rueda lamentou a " pasividade" de BNG e PSdeG-PSOE ante as "dificultades evidentes" para que os galegos na diáspora puidesen votar, algo que contrasta coa "actividade frenética" durante o reconto.

O presidente do PP pontevedrés mostrou a súa sorpresa ante a "decisión inédita" dos socialistas de impugnar "todo o voto nulo", uns 4.600 sufraxios, algo que obrigou a alongar o reconto oficial ata a noite ao ter que revisalos "un a un". 

A pesar diso, a falta de resolver os últimos recursos, o voto dos galegos ausentes certificou o undécimo deputado do PP por Pontevedra, á conta do sexto obtido nas urnas polo PSdeG-PSOE na noite electoral.