A maquinaria electoral do PP xa está a pleno rendemento. Os populares reuniron este xoves o seu comité de campaña, o órgano que se encargará da organización e desenvolvemento da campaña electoral para as próximas eleccións autonómicas. Unha campaña que, segundo Alfonso Rueda, "vai a ser intensa porque temos moito que ofrecer e un programa para os próximos catro anos".
O presidente provincial do PP agarda que sexa unha campaña con moita mobilización e participación e nela, avanzou, o PP estará na rúa para presentar as súas propostas "non para perder o tempo en liortas que á xente nada lle importan ou para discutir entre nós que para iso xa hai outros partidos que o saben facer moito mellor".
Algúns destes partidos que aspiran a formar goberno, recordou Alfonso Rueda, a 52 días para a celebración das eleccións "non sabe sequera quen vai ser o seu candidato".
Rueda indicou ademais que a actividade do partido non vai cesar durante este mes de agosto, cunha importante presenza do candidato do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e da campaña dos populares en todas as festas do país.
Alfonso Rueda sinalou que nesta primeira reunión co equipo encargado trazáronse as liñas xerais do que vai ser unha campaña "intensa e en positivo", adaptada ás xornadas de verán, con menos actos convencionais e máis presenza na rúa co fin de chegar ao maior número posible de cidadáns.
O comité, integrado por 26 persoas, e que volverá a estar dirixido por José Juán Durán presenta como novidade a incorporación dos nove delegados de campaña dos concellos de máis de 20.000 habitantes e dos dos coordinadores de Organización do PP de Galicia e de Pontevedra, Alberto Pazos e Luisa Piñeiro.
Formarán parte del Nava Castro, José López Campos, Jorge Cubela, Marián García Míguez, Miguel Pérez Dubois, Luis Aragunde, Pablo Carollo Ramos e Marta Lucio; mentres que os delegados serán Javier Dorado (Vigo), César Abal (Pontevedra), Marta Rodríguez (Vilagarcía), Juan Constenla (A Estrada), Ramiro Ruibal (Lalín), Pablo Novas (Marín), María Jesús Guimeráns (Cangas), María del Carmen Amoedo (Redondela) e Andrés Sampedro (Ponteareas).