O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou que "esta mesma semana" convocarase á mesa de negociación para acabar coa folga na xustiza, iniciada o 7 de febreiro.
"Sempre dixemos que estamos abertos a unha negociación e esta mesma semana terá lugar esa reunión e eu agardo que por fin sexamos capaces de pechar un acordo", dixo este luns en Pontevedra Alfonso Rueda ao ser preguntado por un grupo de xornalistas.
O número dous do goberno galego non aclarou a data exacta do devandito encontro limitándose a sinalar que "non está posto o día aínda. Vai ser esta semana, sen ningunha dúbida e eu espero que máis pronto que tarde".
Alfonso Rueda limitouse a lembrar que a Xunta xa puxo unha oferta encima da mesa "que cumpre con todo aquilo que nos pediron" e que, ao seu xuízo, sitúa aos funcionarios de xustiza en Galicia por encima da media do resto das comunidades autónomas.
"Sempre dixemos que esa era a base para negociar e con esa base imos tentar pechar un acordo", subliñou. Tras reiterar que "a Xunta de Galicia nunca estivo pechada a iso e aí estamos outra vez" o vicepresidente da Xunta reafirmouse na súa convicción de que "algún sindicato, e digo algún e son sete, non ten ningún interese en que ese acordo se peche" e engadiu que "eu estou seguro de que a maioría se o ten e desde logo imos negociar para tentar facelo".
Alfonso Rueda defendeu a "responsabilidade" e "obxectividade" coa que presenta a súa oferta aos sindicatos, "a Xunta de Galicia negocia co diñeiro de todos os galegos por tanto esa é a nosa premisa" e esa proposta correspóndese con "aquilo que poden asumir os galegos que pagan esas cifras cos seus impostos". "Con esa intención imos negociar, pero desde logo con toda a intención de pechar un acordo nesta mesma semana, a ver se somos capaces".
O vicepresidente da Xunta tamén se referiu á reunión solicitada o pasado sábado polo comité de folga para que se lles explicase de onde saían os 300 euros de subida mensual que segundo eles prometíalles o goberno galego.
"Era para que se lles aclarase un extremo que se lles aclarou ese mesmo día", dixo Rueda respecto diso. A Xunta resolveu as dúbidas nunha carta e non asistiu a ningún encontro.
Segundo dixo Alfonso Rueda, "a Xunta o que dicía é que reunións para negociar e tentar pechar acordos, as que queiran. Reunións para poñer un tema concreto, excluír e pechar un acordo como nos pedían o venres non ten ningún sentido", concluíu.
RESPOSTA SINDICAL
Mentres o vicepresidente da Xunta atendía aos medios de comunicación nun acto oficial na sede da Xunta en Campolongo un grupo de traballadores da administración de xustiza facía soar as súas protestas fronte a este edificio. Pola parte sindical foi ben recibida a convocatoria dunha nova reunión da mesa negociadora.
"O noso afán negociador creo que non está en dúbida, si o está o da Xunta de Galicia", dixo Nilo Fernández de SPJ-USO. Desde o CSIF demandaron á Xunta que antes esclareza de onde sacan esa cantidade de 300 euros.