Rueda anuncia que está moi avanzado o proxecto de reforma da ponte da Barca

Pontevedra
19 de setembro 2017

O vicepresidente da Xunta indicou que desde a administración autonómica son partidarios a manter o dobre sentido de circulación. O alcalde de Pontevedra indicou que será necesario manter conversas con Poio para ver que opción será mellor para reorganizar o tráfico na zona

Ponte da Barca
Ponte da Barca / Mónica Patxot

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, anunciou este martes en Pontevedra que a administración autonómica está a ultimar o proxecto de reforma da ponte da Barca co que se quere garantir a seguridade da estrutura. O representante do goberno galego sinalou que se reforzará a seguridade, sobre todo, para os peóns nun proxecto que aínda non está finalizado pero que contará cun importante investimento.

Entre outras actuacións repararanse as cubertas que están en mal estado. Rueda indicou que a Xunta falará cos alcaldes de Poio e de Pontevedra para ver que alternativas se aplicarán aos sentidos de tráfico. A idea, segundo explicou por parte da administración autonómica, é manter a dobre circulación pero "todo se pode falar".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que é necesario intervir nesta infraestrutura porque resulta perigosa como pasarela peonil. Indicou que entre o núcleo de Poio e Pontevedra hai un tráfico peonil e ciclista importante, que ten prioridade. Indicou que a proposta do Concello de Pontevedra é a de establecer un sentido único pero lembrou que se trata dunha decisión que deben adoptar os dous concellos.

EDIFICIO DE BENITO CORBAL

Alfonso Rueda apuntou que en breve presentarase o proxecto de reforma da antiga delegación da Xunta de Galicia, en Benito Corbal. O vicepresidente autonómico afirmou que se produciu un atraso por condicionantes técnicos pero xa se atopa a punto para a súa presentación e levar a cabo a súa licitación en breve prazo de tempo.

ELNOSA

Rueda tamén se referiu á situación de Elnosa e á concesión da autorización ambiental integrada (AAI). Aclarou que se se cumpren as condicións legais, a Xunta outorgará esta autorización pero antes, apuntou o vicepresidente, é necesario coñecer a opinión das outras administracións.

Afirmou que a oposición do Concello de Pontevedra xa era coñecida pero aínda non se sabe que postura vai adoptar o Estado respecto da continuidade da fábrica en domnio público. Por este motivo, explicou que non tería sentido tomar decisións sobre a autorización ambiental integrada que despois non terían consecuencias prácticas.