O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, pronunciou este martes o seu discurso na primeira xornada do Debate da súa investidura.
Na súa intervención anunciou que creará unha nova dirección xeral que recibirá o nome de Asuntos Constitucionais que estará "encargada especialmente de coordinar a defensa da lexislación galega ante o Estado".
O mandatario autonómico explicou que a súa intención é defender a Galicia diante de calquera desigualdade que poida ser imposta desde administracións externas.
Tamén desvelou que no novo Executivo galego á área de Ciencia daráselle "máxima prioridade", mentres que Cultura e Política Lingüística gañarán "peso".
Ademais Alfonso Rueda sinalou que as responsabilidades de investigación científica, antes na Consellería de Economía, pasarán a centralizarse na de Educación. "Impulsaremos a I+D+i con selo galego desde un único departamento, o mesmo con competencias sobre as universidades e centros singulares de investigación", dixo.
Igualmente revelou que as competencias de Emigración pasarán a estar na mesma Consellería que as de Emprego.
Outro cambio anunciado polo presidente da Xunta en funcións foi que a ordenación do solo industrial deixará de estar vinculada a Urbanismo e pasará a integrarse na Consellería de Industria para que ningún proxecto "deixe de ser viable por falta de solo" e a tramitación normativa dos proxectos de enerxías renovables, serán competencias que no próximo Executivo galego estarán agrupadas na Consellería de Medio Ambiente.
Rueda, asegurou que lle gustaría alcanzar na Cámara galega un "amplo consenso" sobre os asuntos que forman parte da columna vertebral da economía galega e propuxo chegar a un pacto pola industria e a enerxía.
Outros compromisos que Rueda destacou para o seu futuro goberno será a loita contra a violencia de xénero na que "non haberá cuartel" fronte "á mostra máis extrema das desigualdades". Así mesmo, comprometeu axudas ás familias para actividades extraescolares e clases de reforzo; atención ás persoas maiores "coa máxima axilidade"; facilitar o acceso á vivenda; ou axudas ás familias que queiran ter fillos, con impulso ás técnicas de reprodución asistida na sanidade pública e elevando ata os 45 o acceso á fecundación in vitro.
Ademais anunciou a aplicación dunha nova rebaixa á tributación das herdanzas que se aplicará entre os parentes colaterais (irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados e xenros).
En canto á política sanitaria, Rueda dixo que na nova lexislatura a saúde mental será unha prioridade, cun plan para incorporar psicólogos clínicos aos centros de saúde e "reducir o consumo de psicofármacos" e un orzamento para esta materia de 5.070 millóns de euros, 1.400 máis que en 2009.
Tamén quere, durante o próximos catro anos, paliar o "gran problema" de falta de médicos en certas especialidades "especialmente na atención primaria" insistindo en que "lle corresponde en exclusiva ao Executivo central" adoptar as medidas necesarias para liquidalo.
O candidato á investidura tamén tivo numerosas referencias no seu discurso ao Goberno central ao que reivindicará "un compromiso real" coa sociedade galega. "Galicia falará con voz propia" e "Galicia non vai calar", anunciou Alfonso Rueda, que insistiu en reclamar un sistema de financiamento "xusto" e a "inmediata" convocatoria da Conferencia de Presidentes autonómicos.
O apoio para que Alfonso Rueda sexa o novo presidente da Xunta de Galicia está garantido coa maioría absoluta de 40 deputados do Partido Popular lograda nas pasadas eleccións autonómicas.