Rueda anima a votar "con contundencia" ao PP para evitar "experimentos"

Pontevedra
03 de xullo 2020

Nin caer na confianza de que "todo está feito" nin no medo porque ir a votar será "totalmente seguro". É a mensaxe que trasladou este venres o presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, que animou a votar "con contundencia" ao PP para evitar "experimentos" en Galicia

Mitin de Alfonso Rueda
Mitin de Alfonso Rueda

Nin caer na confianza de que "todo está feito" nin no medo porque ir a votar será "totalmente seguro". É a mensaxe que trasladou este venres o presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, que animou a votar "con contundencia" ao PP para evitar "experimentos" en Galicia.

Nun mitin celebrado en Xeve, Rueda reclamou aos galegos que o próximo 12 de xullo aposten pola "experiencia de Feijóo" e non opten por un "multigoberno" que ameazaría a recuperación do país tras a pandemia do coronavirus.

"Nestes tres meses comprobouse diferenza de ter un goberno e outro", sinalou o candidato popular, que destacou que o programa do Partido Popular apoia ás persoas "que máis o necesitan", as familias, os emprendedores e os traballadores.

Ademais, preguntou cantas consellerías farán falta para contentar a catro partidos da oposición "se no Goberno central fixeron falta 22 ministerios para satisfacer a dous socios".

Rueda asegurou que "isto non é o que necesita Galicia e aínda menos neste momento", ao entender que á fronte da Xunta debe estar un goberno "único e cohesionado" que mire cara adiante e "non mire cara os lados por se o traizoan ou por se hai descoordinación".

Por último, o dirixente do PP puxo en valor a xestión do goberno galego nos últimos meses, nos que o executivo de Núñez Feijóo "demostrou a súa capacidade de resposta e respondemos con máis eficacia e anticipación.

"Pelexamos por cada vida e por iso houbo moitos maiores de 100 anos que recibiron a alta. E Galicia está orgullosa dese traballo, dos seus profesionais e do seu sistema sanitario", apuntou o tamén vicepresidente galego, que estivo acompañado de Lupe Murillo e Rafa Domínguez.