O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu a concesión da autorización ambiental integrada á empresa Elnosa por parte do goberno galego e afirmou que espera que "outras administracións estean á altura" na defensa dos postos de traballo en Pontevedra.
"Veremos a partir de agora para garantir a continuidade dos postos de traballo en Pontevedra se outras administracións fan o mesmo", sinalou Rueda.
O número dous do executivo autonómico comentou durante un acto oficial en Pontevedra que "a postura da Xunta de Galicia estivo sempre clara" destacando que "a día de hoxe" e dentro dos prazos que marca a Unión Europea "Elnosa ten autorización para seguir producindo baixo as novas circunstancias ás que está obrigada e por tanto, sen utilización do mercurio".
Alfonso Rueda insistiu en que a decisión da Xunta adoptouse despois de analizar a documentación achegada pola empresa cloreira e a normativa que hai que aplicar "porque senón en ningún caso teríase dado a autorización" e subliñou este feito "porque se dixeron moitas tonterías por parte dalgún responsable político estes días, sobre que as actuacións estaban predeterminadas".
"Nós dixemos que se á vista da documentación que estabamos a analizar cumpríase, dariamos a autorización. Ao final cumpriuse e así a demos", engadiu.
Finalmente o vicepresidente referiuse á continuidade dos postos de traballo en Pontevedra aclarando que "está nas mans, por suposto da empresa e doutras administracións que eu espero que estean á altura de darse conta que non podemos deixar que os postos de traballo se vaian de Pontevedra a outros sitios se podemos facer o posible para que estean aquí, sempre cumprindo a normativa que é moi esixente en materia ambiental".
Rueda mostrou a súa confianza na continuidade dos postos de traballo da clorera e concluíu apuntando que "sería moi difícil de explicar e de entender que deixemos alegremente que os postos de traballo se vaian a outros sitios, porque a outro sitio van ir sen ningunha dúbida se aquí non poden estar".