Cinco meses despois de alzarse co premio Mercedes-Benz Fashion Talent como mellor colección na última edición da pasarela Ego, Gabriel Nogueiras volveu a triunfar na Fashion Week Madrid co seu proxecto Rubearth.
Nesta ocasión, logrou o primeiro premio Allianz Ego Confidence in Fashion, ao que optaban os quince proxectos presentes no showroom desta plataforma.
Nogueiras, venezolano de nacemento e residente en Poio, acudía a este showroom para presentar parte da súa última colección Fat Man, inspirada na bomba atómica.
Ademais de poñer á venda os seus deseños, á súa proposta tamén lle acompañaron unha colección cápsula de calzado, desenvolta en colaboración con Sanyako, e pezas de xoiería e cerámica deseñadas con Lisi Fracchia e co escultor vigués Aram Ríos.
A coherencia da proposta, a súa identidade e unha visión de marca que equilibra deseño e proxección comercial foron os principais motivos polos que o xurado nomeou gañadora esta firma pontevedresa.
A sustentabilidade (polo uso de téxtiles reutilizados nas pezas que realiza o deseñador) e a proxección da marca (pola importancia que engade este certame á visión de negocio), tamén foron moi relevantes para o xurado á hora de decantarse por Rubearth.
Como gañador deste premio, Gabriel Nogueiras recibirá unha dotación económica de 6.000 euros, destinada a poder crear unha próxima colección que poderá dar a coñecer durante a seguinte edición da pasarela Allianz Ego.