E por que non o fixeron no Recinto Feiral?
Esa era a pregunta dunha señora que avanzaba con dificultades na longa ringleira que se formou no Teatro Principal antes das oito da tarde. O espazo quedou pequeno. Ducias de persoas tiveron que seguir o mitin do secretario xeral do PSOE de pe nos laterais do teatro. Alfredo Pérez Rubalcaba chegou máis de vinte minutos tarde acompañado do candidato á Xunta, Pachi Vázquez. Dentro xa se atopaba, sentado nas primeiras butacas, José Blanco que foi abrazado fortemente polo líder socialista.
"Feijóo con Zapatero era el tigre de Bengala y ahora, con Rajoy, es un gatito ronroneador"
Guillermo Meijón abriu o mitin cunha intervención breve e deixou paso a Alfredo Pérez Rubalcaba que comezou falando do moito que veu medrar a Pachi Vázquez durante a campaña. "Cada vez lo veo más presidente", dixo. Despois, ollando en varias ocasións o reloxio, centrou o seu discurso na sanidade, no desemprego e nas pensións: "si en Galicia, el PP tiene un revés os aseguro que la derecha tendrá que replantearse la política de recortes". Houbo aplausos que o interromperon pero o dirixente socialista dixo cun sorriso: "vamos mal de tiempo. Aplausos, los justos". E é que tan pronto como rematase o acto en Pontevedra tiñan que desprazarse a Santiago para pechar a campaña. Entón, atacou o candidato popular. Dixo: "Feijóo con Zapatero era el tigre de Bengala y ahora, con Rajoy, es un gatito ronroneador".
Na parte final da súa intervención fixo referencia a un dos veteranos socialistas que se atopaban nas butacas, Arturo Hermida, a quen agradeceu a súa loita na creación do PSOE en Pontevedra. Entre a ovación fixo unha chamada ao voto "si no votáis, otros votarán por vosotros. Nunca al PSOE le han regalado nada. Os pido un esfuerzo" e rematou cun "Ganar está en nuestras manos. Meigas fóra!"
Intervención de Pachi Vázquez
Pachi Vázquez pechou o acto baseando a súa exposición nos cinco puntos que leva defendendo durante toda a campaña: emprego, sanidade, educación, dependencia e igualdade entre homes e mulleres. Afirmou que "hai recursos públicos, o que hai que saber é onde se queren gastar" e citou o distanciamento que en toda a campaña manteñen Feijóo e Rajoy para que non lles prexudique electoralmente pero asegurou que se gañan "será un cheque en branco para recortar en sanidade e educación".
O candidato socialista pediu o apoio para crear "un goberno forte que non vai ter medo ao futuro" e apuntou que "dende o primeiro día vamos traballar para crear emprego". E entón, alertou aos militantes que para acadar a vitoria é necesaria unha participación masiva o domingo e sentenciou: "eles non son tantos pero van todos a votar. O domingo pola mañá van todos a misa e a votar. E nós, eu non me meto se con misa ou sen misa, pero temos que ir a votar". Tras os aplausos, Pachi Vázquez concluíu: "o domingo o futuro está nas vosas mans. Ánimo, a traballar e a votar".