O roupeiro municipal de Poio cumpriu o seu primeiro ano de funcionamento e os resultados son, segundo o Concello, "totalmente positivos".
A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, recoñeceu que este proxecto, grazas a todas as persoas que fan a súa doazón, logrou consolidarse como un recurso fundamental para as familias do municipio que atravesan dificultades económicas.
Desde a súa inauguración en novembro de 2023, o roupeiro atendeu preto de 40 familias, que en conxunto fixeron máis de 80 peticións de roupa e aveños.
Este servizo, que funciona os martes previa cita para garantir a privacidade dos usuarios, experimentou un aumento na demanda, especialmente nos cambios de estación.
Si que é verdade que aínda hai persoas que son reticentes a utilizar roupa de segunda man, pero esa opinión adoita cambiar despois de visitar o roupeiro e comprobar que son pezas que están en bo estado e permítelles aforrar cartos.
Torres agradeceu a todas as persoas a súa entrega e implicación á hora de doar e reclama que nestes momentos hai necesidade de repor roupa de neno de entre 10 e 16 anos.
O roupeiro municipal de Poio atópase na Casa Rosada e funciona durante todo o ano. O obxectivo é atender, apoiar e axudar ás familias con dificultades, á vez que se fomenta e potencia o uso de roupa de segunda man ou outras pertenzas que estean en bo estado.