Roubo de madrugada no Centro Histórico: "Subiron polo andamio ata o meu piso mentres eu durmía dentro"

Pontevedra
29 de marzo 2025
Actualizado: 31 de marzo

Os feitos producíanse nun edificio da praza de Valentín García Escudero, na madrugada deste venres 28 de marzo, e todo apunta a un episodio de vandalismo, non a unha acción premeditada

Edificio da praza de Valentín García Escudero, cos andamios en proceso de desmontaxe, poucas horas tralo roubo sucedido na madrugada do 28 de marzo
Edificio da praza de Valentín García Escudero, cos andamios en proceso de desmontaxe, poucas horas tralo roubo sucedido na madrugada do 28 de marzo / PontevedraViva

Na madrugada deste venres 28 de marzo, unha veciña do edificio situado no número 4 da praza de Valentín García Escudero sufría un roubo no balcón da súa vivenda.

A muller, que solicitou manter a súa identidade no anonimato, relata a PontevedraViva como, "ao redor das 4 ou 5 da mañá, espertáronme uns ruídos estraños".

"Escoitei uns mozos falando e que dicían algo dunha maceta; abrín a persiana e vin que tentaban levar a base de ferro dos parasoles do bar de enfronte", explica.

Ao comprobar que non conseguían o seu obxectivo, volveu durmir, afeita a sufrir episodios de alboroto nocturno da xente que sae de festa por esta zona as noites dos xoves, venres e sábados.

"O habitual é que estean a montar barullo; despois, polo ruído, supuxen que andaban polo andamio, pero non me imaxinaba que podían estar a subir", aclara.

Pola mañá, cando saíu ao balcón "vin que faltaban as macetas, entón está máis que claro que entraron e leváronas. Estaban apoiadas na xanela, tiveron que subir, saltar o valo, entrar, coller as tres macetas e saír", intúe.

Sospeita que accederon por un dos dous andamios que dende hai uns catro meses están instalados para o arranxo da fachada.

Para esta muller, o roubo das macetas é o de menos, comparado co susto que se lle quedou no corpo ao ser consciente de que os intrusos chegaran ata o seu piso "mentres eu durmía dentro", nunha habitación xunto ao balcón.

Por afortunada coincidencia, ao mediodía deste venres 28, os operarios comezaban o desmonte dos andamios, unha vez finalizada a obra. A veciña móstrase aliviada.

Dende a comunidade de veciños deste inmoble está previsto que presenten a correspondente denuncia dos feitos, apoiando a que, a título individual, interpoña a vítima.

Os VECIÑOS, FARTOS DE DENUNCIAR

A praza de Valentín García Escudero e os seus arredores convertéronse nos últimos tempos nunha área especialmente afectada por actos vandálicos e comportamentos incívicos durante as madrugadas de lecer.

Á cita deste medio coa veciña vítima deste último suceso, acudiron a apoiala outros residentes, compartindo as súas propias experiencias co bulicio nocturno de persoas que queren continuar a festa na rúa a altas horas da madrugada, perturbando o seu descanso.

"Os mozos fan botellón aquí, vomitan e lanzan botellas contra os edificios, tamén son habituais as pelexas e os berros", asente o grupo de veciños.

Un deles admite que no seu edificio da rúa Serra instalaron, por seguridade, cámaras de vixilancia nas zonas comúns. Nos 13 anos residindo no inmoble, as "noites de insomnio" repítense, así como as denuncias da veciñanza. "Chamamos á policía en varias ocasións, pero xa nos din que non poden facer nada".

Na mesma liña protesta un residente dende hai 40 anos na praza de Valentín García Escudero. "Levo vivindo aquí toda a vida, o que pasa é que ultimamente si que se ve que é peor todo isto: os actos vandálicos, os grafitis, o ruído... O xoves é o peor día, sen dúbida".

Aluden a un local próximo, na rúa Maceda, que, como pecha ás 4:30, "a xente vai moi pasada e queda facendo botellón na rúa ata polo menos as 6 da mañá".

Entre os grupos que continúan a esmorga de rúa, preocupan os que se reúnen en coches estacionados en zonas peonís "para facer botellón coa música tope".

Un punto especialmente problemático é a rúa Julio Camba, onde este tipo de episodios son habituais, segundo comentan estes veciños. "O ruído é insoportable, resoa todo ao redor, chamamos á policía pero aínda así, cada certo tempo, volven facelo ".

Nesta vía, que discorre polo lateral do Mercado de Abastos, pola noite non está permitido o estacionamento. De momento, os veciños non teñen constancia de que se sancionase a ningún destes grupos polo alto volume da música e o balbordo que provocan.

Con respecto ao incidente no balcón da veciña co que empezaba esta noticia, insisten en que é a mostra de que estas persoas "van moi pasadas de substancias e, aínda que lles digas algo, é difícil que entren en razón".

Non se opoñen ao lecer nocturno, pero esixen que as autoridades actúen para que este poida convivir co dereito ao descanso dos habitantes do Centro Histórico.