A Policía Local de Sanxenxo identificou a última hora da mañá deste luns dous homes que presuntamente furtaran unha carteira no Grove e logo utilizaran as tarxetas roubadas para facer compras en Portonovo.
Os dous homes son veciños de Sanxenxo, un deles orixinario de Madrid. Ambostiñan antecedentes por delitos similares.
A alerta saltou en canto comezaron a usar as tarxetas bancarias e comezaron a chegarlle os avisos á propietaria.
A Policía Local de Sanxenxo interceptou un nun estanco comprando tabaco e cando se dispoñía a realizar un rasca da ONCE. Tras ser identificado recoñeceu que a tarxeta lla deixara un amigo que se atopaba nun comercio próximo comprando un xersei.
Os axentes déronlle o alto, pero fixo caso omiso e comezou a escapar correndo polo parque do Espiñeiro. Chegou fuxindo ata a praia de Baltar, onde o identificou a Policía.
Durante a fuxida, lanzou unha bolsa ao interior do colexio de Portonovo. Resultou ser o xersei empaquetado en papel de agasallo que adquirira no comercio.
Ambos quedaron en liberdade e o seu caso pasou a mans da Garda Civil de Sanxenxo.