Rouban nun hostal do Grove e levan case 6.000 euros en premios de apostas deportivas

O Salnés
10 de abril 2015

A este respecto, a Garda Civil detivo un mozo de 25 anos, veciño do Grove, como suposto autor dun delito de roubo con forza neste hostal do municipio

Axentes da Garda Civil nos Xulgados da Parda
Axentes da Garda Civil nos Xulgados da Parda / Mónica Patxot

A Garda Civil detivo un mozo de 25 anos, veciño do Grove, como suposto autor dun delito de roubo con forza nun hostal do municipio.

As investigacións comezaron cando se recibiu unha denuncia no cuartel da Garda Civil na que se informaba que, entre os días 5 e 8 de abril, alguén forzara unha das ventás do hostal.

Tras acceder ao seu interior, violentaron unha máquina de apostas deportivas, apoderándose da recadación desta. Tamén se levaron varios tíckets-apostas premiados que conseguiran na devandita máquina, unha vez aberta.

A raíz desta denuncia, logrouse identificar e localizar ao suposto autor do roubo.

No momento da detención intervéuselle no seu poder 5.950 euros provintes dos tíckets-apostas que cobrara.

O detido, que carece de antecedentes policiais, foi conducido ás dependencias oficiais para a instrución das correspondentes dilixencias que, xunto co detido e o diñeiro intervido, serán entregadas no Xulgado de Instrución número 1 de Cambados.