Rouban figuras e causan desfeitas na decoración do Nadal de Vilagarcía

O Salnés
07 de decembro 2022

Nos últimos días alguén roubou a figura do oso polar que decoraba un dos xardíns efémeros na rúa Rey Daviña e unhas figuras de Buda noutro, ademáis de causar outros danos

Decoración de Nadal en Vilagarcía
Decoración de Nadal en Vilagarcía / Concello de Vilagarcía

Diante das desfeitas e roubos rexistrados nos últimos días nos distintos elementos de decoración do Nadal o Concello de Vilagarcía lamentou a "falla de civismo dunha minoría de persoas".

Nos últimos días alguén roubou a figura do oso polar que decoraba un dos xardíns efémeros na rúa Rey Daviña e unhas figuras de Buda noutro, ademáis de causar outros danos.

Dende o Goberno local censuraron estas actuacións que cando non atentan contra un elemento decorativo da asociación de comerciantes Zona Aberta, faino contra os que instala o propio Concello.

"A falla de respecto ao esforzo de todos os traballadores que participaron nesas montaxes é evidente, e o mesmo pode dicirse respecto do diñeiro público investido para que as rúas da cidade ofrezan un aspecto que sirva de dinamizador da sociedade e da economía local". 

Con todo, dende o goberno local insístese en que a nota discordante pona "un moi reducido grupo de persoas que parece divertirse esnaquizando ou roubando algo que vai en beneficio de todos, incluídos quen cometen eses actos vandálicos".

Por outra banda, as figuras serán substituídas por outros elementos relacionados co Nadal, como pequenos árbores, flores de Pascua, e reforzando a iluminación.