Dous homes, de 36 e 27 anos de idade, veciños de Pontevedra, ambos os dous con antecedentes policiais, foron detidos pola Policía Nacional como presuntos autores dun roubo con forza.
Os feitos remóntanse ao día 7 de marzo, cando o propietario dunha empresa da cidade foi advertido por un veciño que observara dous individuos accedendo á nave e subtraendo material desta.
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría Provincial, o propietario tras desprazarse ao lugar comprobou que alguén accedera á nave tras saltar o valo perimetral de dous metros que a rodea e subtraera varias pezas destinadas para servir para estacionamento de bicicletas, de aceiro inoxidable.
O propietario valora o subtraído en máis de 3.000 euros.
A raíz da denuncia os axentes iniciaron as investigacións para tratar de identificar os autores dos feitos. Os axentes identificaron os individuos procedendo á súa detención o día 12 de marzo ás 09.45 horas por un delito de roubo con forza.
Signifícase que as pezas non puideron ser recuperadas porque cando se produciu a súa localización xa foran fundidas.