Un cento de persoas secundou este domingo a ruta reivindicativa organizada pola Plataforma en Defensa dous Montes do Morrazo contra o proxecto de parque eólico de Pedras Negras. Ata agora coñecíase que a instalación afectaba a montes de Moaña, Marín e Vilaboa, pero o colectivo ecoloxista Anduxía alerta que tamén se leva por diante terreos do termo municipal de Bueu.
A ruta é a terceira nesta liña que se celebra contra o parque eólico e, nesta ocasión, tamén serviu para recoller alegacións contra o proxecto, que está en fase de exposición ao público. Os alegantes reclamana á Xunta de Galicia a paralización do parque.
Os participantes na protesta alerta de que a construción do parque eólico dana o patrimonio arqueolóxico da zona, ao afectar a varias mámoas e un petroglifo, ademais de supoñer un impacto ambiental en toda a bisbarra do Morrzo e parte da de Pontevedra.
O colectivo Anduxía denuncia, en concreto, que o proxecto do parque inclúe que nunha segunda fase pode chegar a afectar na zona oeste ás áreas de Chans de Ermelo e Monte Paralia e na súa zona norte ao Monte do Grilo, todo iso no termo municipal de Bueu. Ao autorizarse o proxecto tal e como está relatado, "aínda que se trata de muíños eólicos suplentes poden chegar a desenvolverse nunha segunda fase do proxecto ou se a Xunta de Galicia autoriza unha maior potencia eólica no futuro".
Os ecoloxistas engaden que "non podemos pensar que o proxecto de Pedras Negras só vai afectar a un par de municipios concretos, senón que nos afecta a todo O Morrazo, que é unha unidade patrimonial e ecolóxica e comarcal indivisible,". Ademais, solicita que o Pleno da Corporación se posicione contra o proxecto.