'Rompendo grillóns', o monumento que honra en Cerdedo-Cotobade aos canteiros galegos

Cerdedo-Cotobade
28 de decembro 2024

O monumento inaugurado é unha estatua en pedra cedida pola Escola de Canteiros de Poio. A peza busca homenaxear aos canteiros da zona, que durante anos se congregaban na Alameda de Aguasantas

Inauguración en Aguasantas do monumento en homenaxe aos canteiros
Inauguración en Aguasantas do monumento en homenaxe aos canteiros / Xunta de Galicia

A Alameda de Aguasantas é o lugar no que, desde este sábado, se sitúa o monumento que Cerdedo-Cotobade quixo instalar en recordo á tradición dos canteiros galegos.

O monumento inaugurado é unha estatua en pedra cedida pola Escola de Canteiros de Poio coa inscrición "En recoñecemento á dedicación, esforzo e arte dos canteiros galegos. A súa mestría e paixón perdurarán en cada obra que deixa pegada na nosa historia".

A peza, titulada Rompendo grillóns, é froito dun encargo realizado polo Concello para homenaxear aos canteiros da zona, que durante anos se congregaban na Alameda de Aguasantas.

A partir de agora, esta obra pasa a formar parte da memoria e do legado que representa o esculpido da pedra en Galicia, tanto para a obra civil como para a monumental. 

O acto contou coa intervención do alcalde, Jorge Cubela, quen salientou o feito de que se realizara esta homenaxe en Aguasantas débese a que esta parroquia "atesoura un bo número de canteiros que ao longo das súas vidas foron referencia neste oficio en Galicia".

Inauguración en Aguasantas del monumento en homenaje a los canteros
Inauguración en Aguasantas del monumento en homenaje a los canterosConcello de Cerdedo-Cotobade

Así, citou entre outros aos canteiros barrocos de Cotobade, a Sergio Amoedo, autor da Alameda de Aguasantas, aos canteiros de Terras de Montes, estudiados por Antonio Rodríguez Fraíz e, especialmente, a José Cerviño García “Pepe da Pena”, a quen se lle atribúe o cruceiro de Hío.

"Trátase de facer recoñecemento á dedicación, esforzo e arte dos canteiros, cuxo traballo transformou a pedra nun legado de beleza e resistencia", sostivo Cubela, que defendeu que a mestría e paixón destes artistas "perduran en cada obra que deixa pegada na nosa historia",

Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, felicitou aos promotores desta homenaxe pola importancia que os canteiros galegos teñen na historia de Galicia e referiuse a eles como "artistas da pedra" que deron forma a moitos soños arquitectónicos e etnográficos.

Tamén interviron no acto Maximino Fernández Sendín, estudioso sobre o mundo dos canteiros e promotor do museo do Pazo da Cruz, ou Belarmino Villanueva, canteiro de Armenteira, que amosou a súa satisfacción por este recoñecemento público á profesión que tantos anos exerceu.