Romaría, homenaxe e baile na habitual cita coa carballeira das Ermidas

A Lama
04 de agosto 2024

Unha ofrenda floral en memoria daquelas persoas que contribuíron a converter a carballeira das Ermidas en patrimonio de todos, depositada polo alcalde, David Carrera, e a conselleira María Martínez Allegue ante o cruceiro serviu de homenaxe previo á celebración do Xantar da terceira idade que reuniu a preto de 300 comensais  

Xantar da terceira idade na carballeira das Ermidas
Xantar da terceira idade na carballeira das Ermidas / Concello de A Lama

A carballeira das Ermidas, na Lama, encheuse este domingo de festa e de homenaxe. O habitual 'Xantar da terceira idade' quixo agradecer a contribución das persoas que lograron que esta carballeira fora patrimonio de todos e este ano incluíu unha ofrenda floral en memoria de todas elas.  

O alcalde, David Carrera, e a conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue, depositaron as flores coa bandeira galega ante o cruceiro despois da habitual misa e procesión na honra da Nosa Señora das Ermidas.

A Banda de Música Municipal da Lama participou na homenaxe e, durante a ofrenda floral, interpretou o himno galego para darlle unha maior solemnidade ao acto. 

David Carrera aproveitou para render unha sentida homenaxe aos pioneiros que comezaron con esta famosa romaría e que contribuíron a facer deste espazo un lugar de reencontro veciñal. 

Agradeceu a presenza dos preto de 300 comensais e lembrou a importancia que este evento ten para potenciar os lazos que unen á comunidade veciñal, tanto dos que residen todo o ano como dos que o fan no estranxeiro.

"É este un momento entrañable e de reencontro tamén cos nosos amigos e veciños que residen gran parte do ano na emigración en países como México, Brasil, Arxentina, Suíza, Alemaña… en fin, por todo o mundo", sinalou.

O xantar contou coa presenza dos deputados provinciais Jorge Cubela e Sandra Bastos; do director xeral de Maiores, Antón Acevedo; do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez; e de membros da Corporación Municipal. 

Na sobremesa chegou o momento do baile, amenizado pola Charanga Os Encerellados, de Campo Lameiro, que ofreceron aos asistentes o seu habitual repertorio a base de cancións de moda, dándolle tamén unha nota de humor á celebración.