Román Rodríguez destaca os trinta anos de labor da Escola Superior de Conservación e Restauración

Pontevedra
16 de novembro 2021

Coincidindo co Día do Patrimonio Mundial, o titular do departamento educativo do Goberno galego destacou a importancia das ensinanzas artísticas como canteira cultural e para a protección do rico patrimonio de Galicia

Román Rodríguez visita a Escola Superior de Conservación e Restauración
Román Rodríguez visita a Escola Superior de Conservación e Restauración / Xunta de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou este martes en Pontevedra a Escola Superior de Conservación e Restauración. 

Coincidindo co Día do Patrimonio Mundial, o titular do departamento educativo do Goberno galego destacou a importancia das ensinanzas artísticas como canteira cultural e para a protección do rico patrimonio de Galicia.

Non en balde, esta escola é o único centro na nosa Comunidade no que se imparte o título de Grao en Ensinanzas Artísticas Superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, equivalente, a todos os efectos, ao título universitario de grao. Polo tanto, o único centro público no que se especializan alumnos nestas disciplinas, en concreto nas especialidades de bens arqueolóxicos, escultóricos ou pictóricos. 

O centro pontevedrés cumpriu este pasado mes de outubro 30 anos de vida, o que o converte no segundo máis antigo de España na formación en conservación e restauración.

O conselleiro lembrou que o Goberno galego está a traballar no Plan Educ-Arte, co obxectivo de dar un novo impulso ás escolas como esta de Pontevedra como centros de formación de futuros artistas e artesáns, aproveitando ademais a oportunidade que supón a década xacobea.

Neste sentido, Román Rodríguez explicou que os Orzamentos de Galicia para o ano 2022 recollen unha suba dos fondos para o patrimonio cultural do 15%, o que se traduce en 19,2 millóns de euros. Sinalou que este tipo de actuacións supoñen unha oportunidade de emprego para os titulados nas ensinanzas que se imparten nesta Escola Superior de Conservación e Restauración.