Román Rodríguez critica que o PSOE "pretenda incumprir a Lei de Costas" no colexio de Ponte Sampaio

Pontevedra
24 de abril 2024

O conselleiro Román Rodríguez subliña que construír un pavillón neste centro non é unha cuestión de "vontade política" senón de "legalidade" urbanística

Román Rodríguez no Parlamento de Galicia
Román Rodríguez no Parlamento de Galicia / Xunta de Galicia

Unha das primeiras propostas que o PSdeG-PSOE presentou no Parlamento galego na lexislatura que acaba de comezar foi a petición para que a Xunta constrúa un teito para a pista polideportiva do colexio de Ponte Sampaio, para que poida ser usado como patio cuberto.

A deputada Paloma Castro dirixiuse en pregunta oral ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para pedirlle que atenda ás demandas da comunidade educativa de Ponte Sampaio, "que vén reclamando dende hai tempo a necesidade de ter este espazo cuberto".

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, lamentou que o Partido Socialista de Galicia "pretenda incumprir a Lei de Costas estatal no caso do colexio CEIP Ponte Sampaio", coa proposta de "construír un pavillón polideportivo na parcela do centro que iría en contra da legalidade vixente".

Román Rodríguez explicou que este colexio, a carón do río Verdugo, está dentro dunha zona protexida pola Lei de Costas e afectada pola servidume de protección do dominio público marítimo terrestre, o que "implica unha serie de limitacións como que non se poden realizar novas construcións nin está permitido ampliar o volume, a altura ou a superficie das edificacións xa existentes".

"Polo tanto, non se trata dun asunto de vontade política, senón de cumprir coa legalidade urbanística vixente", abondou o conselleiro, quen lembrou que os terreos foron cedidos polo Goberno do Estado ao Concello de Pontevedra no ano 2015, máis nunca se chegou a modificar o nivel de protección da parcela como unha vía para unha solución técnica que teña cabida legal.