Roliños de primavera con berberechos e mexillóns gourmet Pescamar

Pontevedra
15 de xaneiro 2022

Unha receita que nos trae os sabores da cociña oriental e coa que aproveitaremos todos os beneficios dos berberechos e os mexillóns, moluscos altamente nutritivos, grazas á súa achega en ferro, fósforo, vitamina B12 e omega 3

Roliños de primavera
Roliños de primavera / Pixabay

Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar. Nesta ocasión, imos preparar unha receita que nos trae os sabores da cociña oriental e coa que imos aproveitar todos os beneficios de dous dos moluscos máis importantes das nosas Rías: o berberecho e o mexillón.

Os berberechos e os mexillóns son moluscos altamente nutritivos, grazas á súa achega en ferro, fósforo, vitamina B12 e omega 3. O seu baixo contido en graxas e gran porcentaxe de proteínas, convértenos nunha perfecta alternativa ás carnes vermellas.

Para preparar uns saborosos Roliños de primavera con berberechos e mexillóns gourmet Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:

- 2 latas demexillóns das Rías en escabeche con aceite de oliva gourmet Pescamar

- 2 latas de berberechos ao natural Pescamar

- 6 láminas de pasta filo

- 2 cenorias

- 1 cebola pequena

- Medio repolo

- 100 g. de brotes de soia

- Salsa de soia

- Aceite de oliva

- Fariña ou 1 ovo (para selar os roliños)

Elaboración:

Cortamos a cebola e o repolo en tiras finas. A cenoria relámola. Poñemos un chorro de aceite nunha tixola e, cando estea quente, agregamos as verduras por esta orde: a cebola, que refogaremos un par de minutos, a cenoria, outro par de minutos máis, e finalmente o repolo. Imos mesturando e removendo as verduras ata que estean cociñadas o xusto para manterse crocantes al dente. Neste punto, incorporamos os brotes de soia e 3 culleradas de salsa de soia, mesturamos ben ata que non quede líquido solto, retiramos do lume e deixamos arrefriar.

Engadimos á mestura as latas de mexillóns das Rías en escabeche con aceite de oliva gourmet Pescamar e de berberechos ao natural Pescamar, previamente escorridas. Reservamos.

A continuación, estendemos unha lámina de pasta filo e pintámola lixeiramente por enriba con aceite. Colocamos unha parte do recheo, enrolamos ata o centro, dobramos os extremos cara a dentro e acabamos de enrolar. Selamos os bordos cun chisco de auga con fariña ou cunha pincelada de ovo batido.

Procedemos da mesma maneira ata obter 6 rolos que fritiremos en aceite quente ata que estean crocantes e marróns. Escorremos sobre papel de cociña.

Os roliños de primavera podemos acompañalos da tradicional salsa agridoce ou, no seu lugar, a salsa da lata de mexillóns das Rías en escabeche con aceite de oliva gourmet Pescamar.

En dúas semanas volvemos cunha nova proposta de "A cociña gourmet en conserva" cos produtos do mar de alta calidade de Conservas Pescamar.