Chegamos a unha nova entrega de"A cociña gourmet en conserva" cunha receita sinxela pero moi vistosa, e na que aproveitaremos todo o sabor do atún claro, unha especie moi valorada dentro da familia dos túnidos.
O atún é un peixe con múltiples propiedades. Destaca a súa achega en proteínas de gran valor biolóxico e o seu alto contido en Omega-3. A estas importantes calidades, hai que engadir os beneficios da súa presentación en aceite de oliva, que ademais contribúe a potenciar o seu sabor.
Para preparar uns deliciosos Roliños de cabaciña recheos de queixo crema e atún Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
- 2 cabaciñas medianas
- 1 lata deatún claro en aceite de oliva Pescamar
- 200 g de queixo crema
- 100 g de maionesa
- 10 olivas recheas de anchoa
- 1 limón
- pemento doce ou picante
- aceite de oliva virxe extra
- follas de pirixel
Preparación:
Comezamos co recheo. Mesturamos o contido da lata de atún claro en aceite de oliva Pescamar, previamente escorrido, co queixo e a maionesa coa batedora ata obter unha crema espesa.
A continuación, cortamos as olivas en anacos moi pequenos e engadímolos á mestura anterior ata que formen unha pasta consistente.
Incorporamos un chorriño de zume de limón para gañar en cremosidade e un chisco de pemento doce ou picante. Mesturamos e reservamos.
Lavamos as cabaciñas e quitámoslles as puntas. Cortamos en láminas finas ao longo. Poñemos as láminas de cabaciña nunha bandexa e cun pincel untamos con aceite de oliva. Cociñámolas lixeiramente nunha prancha tipo grella a lume medio ata que queden marcados os relevos da asadora na cabaciña.
Para a montaxe dos roliños, poñemos unha cullerada do recheo sobre cada lámina de cabaciña, estendemos uniforme sen chegar ata o final, enrolamos sobre si mesmas e, se é necesario, acabamos de selar cun pouco de queixo crema.
Imos colocando os rolos nunha bandexa de servir, esparexemos cun pouco de aceite de oliva virxe extra e decoramos cunhas follas de pirixel.
En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.